Páginas

20 mar 2015

AVISO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA. PERFORMANCE POÉTICA

    O  21 de marzo é o Día Mundial da Poesía e seguramente xa vistes o centro envolto nunha performance poética que xurdeu por iniciativa do Equipo de Educación Infantil. Como o resultado foi tan fantástico, e animados pola boa acollida do proxecto, queremos pedirvos a vosa colaboración. Os nenos de infantil levan hoxe a nota que vos poño abaixo na que se explica como podedes participar e os materiais máis axeitados. Os traballos serán expostos polo exterior do centro. A CONVOCATORIA POÉTICA ESTÁ ABERTA A TODOS xa que como dí a pancarta que fixeron os pequenos de 4 anos e que colgaron na entrada do colexio:

  "A POESÍA, COMA O PAN, É DE TODOS!"

   Este poema de Gustavo Adolfo Bécquer en concreto foi escollido despois de que un pequeno de 3 anos  preguntase na clase:  "¿que és poesía?" (...certamente hai cousas que veñen dadas)

UNHA PEQUENA MOSTRA DO QUE XA ESTÁ EXPOSTO...
Grazas pola vosa colaboración!

18 mar 2015

MANOLO RIVAS EN BERTAMIRÁNS



   O alumnos de 3º coñeceron a Manolo Rivas, xornalista e escritor de “ O raposo e a mestra”, do que é ilustrador  Jacobo Fernández Serrano (que ademáis tamén é pintor, debuxante e  autor de literatura infantil). Como os rapaces tiñan mercado este libro como lectura do segundo trimestre, tiveron a oportunidade de que viñera e lles asinase os libros. A cita co autor tivo lugar o día 26 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para eles foi unha sorpresa que lles contase o conto, páxina a páxina, cun colaborador (que se chamaba Cesar) facendo efectos de són con materiais de todo tipo. E despois, asinou un a un, os libros dos 75 rapaces, que quedaron encantados coa experiencia.  Algunhas fotos están oscuras... pero recollen moi ben momentos nos que os nenos estaban totalmente concentrados e inmersos na historia. Tamén vos poño ao final de esta entrada un pequeno video que fixeron as profes que os acompañaron.


 RESUMO DO LIBRO:


     "O protagonista  é o raposo  Pindo, un animal independente, imaxinativo e algo fedello que seique  entende todas as linguas. A Pindo gústalle soñar que voa coa súa cola e o seu gorro de aviador e  tamén goza subindo ao alto dun cantil para ver a posta do sol, que converte os seus ollos en dúas lanternas capaces de hipnotizar. Outra das cousas que lle gustan é escoitar como falan as xentes do mar,e lévase moi ben con Serafín, un mariñeiro con quen conversa a miúdo. Serafín faloulle un día da chegada á vila da nova mestra Rosa, unha rapaza vexetariana á que lle gusta tanto aquelar o galiñeiro das súas galiñas para que estean máis contentas que consegue que poñan ovos de cores........" PARA LER MÁIS NA PÁXINA DE XERAIS CLICA AQUÍ  +





14 mar 2015

VISITA Á BIBLIOTECA AFUNDACIÓN DE SANTIAGO





    "Os nenos/as de 6ºA e 6º B, colaboradores de biblioteca, fixemos unha visita á BIBLIOTECA AFUNDACIÓN DE SANTIAGO. Interesábanos ver como era o funcionamento doutra biblioteca distinta da nosa.

   Alí, a bibliotecaria Bea explicounos que tiñan dúas salas: a sala infantil e a xuvenil. Contounos como se colocaban os libros, como se prestaban (se non se devolve un libro no prazo débese de aportar algún alimento para o Banco de alimentos!!!) e tamén nos mostrou unha selección de libros que lle parecían superinteresantes. Ela opinaba que un libro “infantil” pode ter varias lecturas, dependendo de quen o lea; non son só para os máis pequenos. Dicía que había libros que servían para curar, incluso algún trauma; como lle sucedera a un neno que visitaba esa biblioteca. Outros tiñan títulos moi divertidos: “Caca”, “Mamá ha puesto un huevo”, Carapuchiña africana”, “Biblioburro”… e moitos máis.

   Foi unha visita moi interesante. Axudounos a ver os libros de forma diferente".

(Texto íntegro remitido polos alumnos e alumnas de 6ºA e 6º B colaboradores da biblioteca )

A VIAXE DE GAGARIN E OUTROS PREMIOS

  
  1.  A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, acaba de ser recoñecido como mellor libro de ficción do ano co premio Anxel Casal pola Asociación Galega de Editores.

    Ademáis, na selección dos mellores de 2014 da web Fervenzas Literarias, Agustín Fernández Paz tamén foi elixido polos lectores como Autor do ano e A viaxe de Gagarin, como mellor libro de Narrativa de adultos.




SINOPSE DA VIAXE DE GAGARIN:
     "O doce de abril de 1961, o cosmonauta Iuri Gagarin, a bordo da nave Vostok 1, convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior....
   Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Daquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción ...". UN LIBRO CON BLOG PROPIO. LER MÁIS  +

                        E como esta entrada vai de PREMIOS: 

2. Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, de Xerais,  levou o Premio Neira Vilas o mellor libro infantil    otorgado pola  Asociación Galega de Editores
      Escarlatina competía  entre outros con:
A cociñeira do rei, de Soledad Felloza. OQO Editora.
Non hai berce coma o colo, de Magoia Bodea e outros. Kalandraka Editora.
Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre. Edicións Xerais.
Xique Xoque, Fiu Fiú+ DVD, María Fumaza. Editorial Galaxia.
Cuca e o abrigo marrón, Fina Casalderrey. Edicións Rodeira.

 SINOPSE DE ESCARLATINA:
   "Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX..."





   3. E, como non, o Premio Fernández del Riego á difusión cultural que foi para as Bibliotecas Escolares de Galicia   "polo seu labor de apoio continuado ao libro e a lectura no ámbito escolar". Desta rede nós formamos parte xunto con máis de 500 bibliotecas máis! Parabéns a todos compañeiros/as!.





8 mar 2015

MULLERES TRABALLADORAS

     Hoxe, no Día Internacional da muller traballadora, queremos lembrar a todas as mulleres que día a día se dedican (profesionalmente ou non) a coidar, educar e formar as novas xeracións, transmitindo valores e saberes. As mulleres que traballan na casa e fora, que coidan fillos ou pais, que traballan en todos os ámbitos económicos e profesionais e en todos os ambientes: no campo, no mar e nas cidades. As mulleres que andan na procura do seu primeiro traballo. As mulleres que acaban de perdelo e enchen as listas do paro. E sobre todo a vos: as nenas que estamos a formar nos colexios para que sexades as futuras profesionais en todos os ámbitos. Que teñades sorte!
  

   
   En especial lembrar a unha muller traballadora en particular, Rosalía, Lita, a nosa directora, que se xubila este ano despois de toda unha vida dedicada á docencia. Parabéns Lita!





 
8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA
PON AQUÍ A TÚA CARA!
  •   HISTORIA DO 8 DE MARZO:

    Un 8 de marzo de 1857, un grupo de obreiras textiles tomou a decisión de saír ás rúas de Nova York a protestar polas míseras condicións nas que traballaban.

    Distintos movementos sucedéronse a partir desa data. O 5 de marzo de 1908, Nova York foi escenario dunha folga polémica para aqueles tempos. Un grupo de mulleres reclamaba a igualdade salarial, a disminución da xornada laboral a 10 horas e un tempo para poder dar de mamar aos seus fillos. Durante esa folga, pereceron máis dun centenar de mulleres queimadas nunha fábrica de Sirtwoot Cotton, nun incendio que se atribuíu ao dono da fábrica como resposta á folga. 
  • HISTORIA DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER:
    "O primeiro Día Internacional da Muller tivo lugar o 19 de marzo de 1911 en varios países de Europa, e nese primeiro encontro participaron máis dun millón de mulleres ansiosas por facer saber ao mundo as súas reivindicacións:

O dereito a voto

O dereito á ocupación de cargos públicos

O dereito á formación profesional

O dereito ao traballo e á non discriminación polo mero feito de ser muller."


  • MÁIS   INFORMACIÓN: