O pasado venres 24 de febreiro conmemórouse o 175 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, unha das figuras máis relevantes do Romanticismo.
María Rosalía Rita de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela, nunha casa do Camiño Novo. Era filla de nai solteira, fidalga vida a menos, e dun cura, foi inscrita na súa acta de nacemento como filla de pais descoñecidos. Non se sabe moito dos seus primeiros anos salvo que pasou a súa primeira infancia en Ortoño, cunha tía paterna, e aprendeu por entón o galego e numerosos relatos populares da súa terra. Parece que non viveu coa súa nai, influida polos prexuizos e as presións sociais da época, ata que Rosalía tiña 6 ou 7 anos. Empezou a escribir poesía cando contaba doce anos, e con doce ou trece anos trasladouse a Santiago en compañía da súa nai. Parece que a súa educación foi escasa e a típica daquel entón para unha muller, destacando en debuxo, música e declamación.
En 1854 mudouse a Madrid xunto a un tio avó, Xeneral do exército da Raiña Isabel II, e alí coñeceu aos grandes poetas románticos da época. Alí coñeceu tamén ao poeta, novelista e investigador Manuel Murguía, impulsor do movemento de defensa e fomento da cultura galega chamado Rexurdimiento. Rosalía publicou en 1857 o seu primeiro poemario, "A flor", e un ano despois casou con Murguía, con quen tivo sete fillos durante a súa vida en común. O seu marido confiou na súa capacidade e animouna a escribir e publicar nun tempo nada fácil para as mulleres. Mudáronse en diversas ocasións por motivos laborais e atravesaron malos momentos, tanto por problemas económicos, como pola fráxil saúde de Rosalía.
Publicou varias obras en castelán e "Cantares galegos" en 1863, una homenaxe á súa terra escrita integramente no noso idioma, que desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. Na obra describe costumes, ambientes e a grave situación social no mundo rural. Ese mesmo ano escribiu "Á miña nai", unha serie de poemas inspirados pola morte daquela, e máis adiante outras dúas novelas: "Ruínas" (1866) e a historia fantástica "O cabaleiro das botas azuis" (1867).
Cando o seu home foi elixido director do Arquivo de Simancas en Valladolid , mudouse toda a familia e alí Rosalía compuxo gran parte da súa obra en galego. Publicou "Follas novas" en 1880, unha serie de poemas sobre a vida e a morte, a condición da muller e a soidade, que reflicte o espírito sensible e pesimista que o paso do tempo e as viravoltas da vida ía marcando na vida e o carácter de Rosalía.
En 1871 a familia volveu trasladarse, esta vez de regreso ás súas orixes en Galicia, pasando por Torres de Lestrove, Dodro, Santiago de Compostela e Padrón. Das poucas cartas persoais que se conservan (Murguía queimou a maioría cando ela morreu) despréndese que nunca gozou de boa saúde.
En 1884 publicou en castelán "A orillas del Sar", probablemente o seu mellor traballo, con temas nos que calquera pode sentirse reflectido. É unha colección de poemas sobrios e intimistas cheos de desalento, onde novamente trata os seus dous grandes temas, a dor da vida e o baleiro da soidade.
Rosalía de Castro rematou a súa vida o 15 de xullo de 1885 no seu fogar de Padrón. Os seus restos descansan hoxe no Panteón de Galegos Ilustres do Convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.
Aquí vos poño un par de videos que demostran a forza e o sentimento das letras de Rosalía:
.un de María do Ceo cantando "Negra sombra"
.e outro con imaxes montadas sobre a canción do cantautor berciano Amancio Prada musicando o poema de Rosalía "Adios rios, adios fontes."..