Mostrando entradas con la etiqueta Jorge Vázquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Jorge Vázquez. Mostrar todas las entradas

1 abr 2012

UN SOÑO SOLIDARIO !


libro con pictogramas, clica

    O vindeiro 2 de abril conmemórase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Segundo estudos epidemiolóxicos da Organización Mundial do Autismo, 1 de cada 150 nenas e nenos en idade escolar poderían presentar un Trastorno do Espectro do Autismo (TEA)...

    A escritora  Mariné Lorenzo Corcoba e os ilustradores Ana Francisco e Jorge Vázquez publican o primeiro libro infantil con pictogramas en galego. Trátase de UN SOÑO NA BANDEXA , o libro que no curso pasado presentáronlles aos máis pequenos do cole e sobre o que estos  traballaron e fixeron unha serie de murais.

fundación
Menela
            A presentación, que terá lugar ás 18h no Salón de actos do Marco (rúa Príncipe 54) no Concello de Vigo, consistirá nunha sesión de contacontos por parte da súa autora, que doa os dereitos de autora á Fundación Menela,
    
     Por si andades por Vigo poderedes ver  o xeito en que o Concello se suma á acción internacional Light it up blue, promovida por Autism Speaks, que consiste en iluminar de azul edificios e monumentos emblemáticos, tinguindo de azul a noite do 1 ao 2 de abril o edificio do Antigo Concello (Praza da Constitución), a Casa das Artes (Policarpo Sanz), o antigo Reitorado (Areal) e as fontes da rúa Aragón e da Gran Vía. Un espectáculo para tomar conciencia.

29 may 2011

Un soño na bandexa

           Os máis pequenos do cole, repartidos en dous grupos, recibimos esta semana, na Biblioteca, a visita da escritora Mariné Lorenzo Corcoba e do ilustrador  Jorge Vázquez que nos viñeron a contar o seu libro "Un soño na bandexa"  pertencente á colección Tartaruga editado por Galaxia. Na clase estábamos a traballar nesta historia dunha rapaza soñadora e dun amable camareiro e da importacia das cousas que non se poden mercar con cartos.      
*Mariné Lorenzo*
             Na sesión de contacontos, Mariné narroulles a historia da nena e Jorge dibuxaba. Un soño na bandexa é un fermoso soño. Cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós...  Despois pediron voluntarios e Jorge axudoulles a realizar os trazos máis representativos do camareiro.
Jorge Vázquez
          Para os nenos resulta bastante dificil decatarse do valor de determinadas cousas porque, afortunadamente, téñenas. En principio o que eles máis desexan son cousas materiais: roupa, contos, xoguetes etc... Na clase, despois de varias sesións e de falar moito, pasamos a expresar outro tipo de desexos máis relacionados coa maxia: fadas, varitas máxicas, castelos de conto e, non sei porque, moitos unicornios... Máis tarde pasamos a expresar desexos doutro tipo: unha fonte que non se seque nunca , unha neveira sempre chea de comida, unha casa que non se rompa nunca pase o que pase etc... Poden parecer desexos relacionados coa maxia, pero en realidade expresan a súa necesidade de seguridade e de estabilidade...        
        

          A capacidade para decatarse do valor das cousas verdadeiramente importantes na vida vaise desenvolvendo coa idade e vai marcando a  aparición da madurez emocional. Por outra banda non queremos deixar de lado a visión máxica do mundo que nos rodea, a capacidade de sorpresa e a de emocionarnos cos descubrimentos que imos facendo, porque iso é o que, xa adultos, nos seguirá conectando cos paraisos perdidos  da infancia... 
        
         Nesta presentación podemos ver como se desenvolveu a sesión de contacontos. 

        Cando rematou a sesión Mariné e Jorge asinaron e adicaronlle o seu libro aos nenos que o tiñan e fixeron alguns dibuxos.

     Mariné contounos moi emocionada o exito desta aventura  ¡xa van pola segunda edición! e tamén  dixo que pronto se vai presentar o libro na "Asociación de persoas xordas" de Vigo cunha representación .

        Ademáis este é un libro especial, tanto pola sua orixe , como por que os beneficios dos dereitos de autor da súa venda están destinados á  Asociación contra o cancro.

22 may 2011

VISITA DE MARINÉ LORENZO CORCOBA E JORGE VÁZQUEZ

"UN  SOÑO  NA  BANDEXA"

O outro día recibimos unha carta no correo da clase dos pequenos. Mandouna a escritora Mariné Lorenzo Corcoba. Ela e o ilustrador Jorge Vázquez van a facerlle unha visita aos nenos e nenas de Infantil para falar do seu conto "Un soño na bandexa"...  do que vos adxunto unha crítica que recollín en internet: "... hai uns meses saía na colección Tartaruga da editorial Galaxia e esgotouse en nada toda a primeira edición. A súa autora cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós. Unha fermosa viaxe lírica, visualmente moi poderosa que engaiola a pequechos e grandes”
Mariné (Mª das Neves) Lorenzo Corcoba está vinculada á integración social de nen@s con problemas sociais e persoais, en Pontevedra. As súas circunstancias persoais levárona a escribir os contos que creou para a súa filla maior.
 "Un soño na bandexa" trata das cousas que nos fán felices, das  que nin se poden mercar nin vender e de como apreciar as  que son verdadeiramente importantes ... Os pequenos estan pintando á rapaza do conto e están intentando averiguar cales  son as cousas "verdadeiramente importantes" para nós. Para os pequenos trátase dunha tarefa bastante complicada.

        Este foi o correo que recibimos :


OLA PEQUES !!!
Son Mariné, que ganas de coñecervos !!!
Vivo nunha casa de Poio, Pontevedra
gústame a cheminea no inverno e os bocadillos de chocolate,
nadar na auga do mar e pasear pola orilla
tamén me gustan os segredos e as pedras do rio,
e teño dous cans que son os que mandan.
Gústanme tamén as bruxas do conto, e o rato Pérez paséase pola miña casa algunha vez.
Outra das cousas que me encantan é coñecer aos nenos e contarlles o meu conto.
Estamos a desexando ir contarvos o conto... Esperádesnos ?
Pedirémoslle ao camareiro do conto que nos ensine o camiño
UN BICO A TODOS
!!! o mércores dia  25 estaremos chamando a vosa porta...

                  Mariné



     Os dereitos de autora orixinados pola venda deste libro están destinados á Asociación Contra o Cancro. Si estades interesados en mercalo, está á venda nas librerías e a autora pódello adicar aos nenos que o traian.