25 oct 2012

Agustín Fernández Paz e GALIX

    O pasado xoves en Vigo, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil GÁLIX  nomeou a Agustín Fernández Paz, Socio de Honra nun  emotivo acto no que se lle amosou un grande aprecio ao escritor por parte dos presentes e outros socios e socias de Gálix.
   
     Destacar a  Laudatio  escrita por Paz Raña Lama ,orientadora escolar, amiga e compañeira do autor durante moitos anos no ensino público,  así como a presentación do blog creado para o personaxe protagonista do conto inédito co que Agustín Fernández Paz agasallou a todos e todas as presentes (http://abrirasportas.blogaliza.org ).


     Os membros de Galix, dín que irán poñendo no seu blog http://www.oblogdegalix.blogspot.com.es/),  máis información  sobre todo o acontecido ese día para que perdure na memoria .

 Cito aquí algunhas das frases da laudatio escrita por Paz Raña:

  •  "Hai 10.950 días que te coñezo, os mesmos que tarda a Terra en describir 30 órbitas nun camiño elíptico rodeando o Sol...

  •  ... ese primeiro encontro foi no escenario do nacemento doutro movemento transformador, chamado de Renovación Pedagóxica. Rotunda e enérxica indignación de mozas e mozos que soñaban cambiar o mundo dende a escola, con armas tan subversivas coma o xiz, imprimindo constelacións na pizarra, os cadernos de notas sempre emborranchados, a imaxinación, ou as ideas solidarias..."  

  • "Foi un fogonazo de luz, un momento afortunado, una punción implacable e sagaz nos albores da democracia. O ensino pasou a ser algo importante, dun xeito diferente, novo e colectivo".

 Póñovos tamén aquí a frase de Agustín que abre o seu portal  na Biblioteca Virtual Cervantes:

 "Entrar nos libros é deixarse arrastrar por un bulebule de voces, de linguas, de cheiros, de paisaxes. Polas súas páxinas corren ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicarnos na transformación do mundo".A.F.P.

Así que ánimo e entrade nalgún dos libros de Agustín!



12 oct 2012

PREMIO NACIONAL Á EDITORIAL KALANDRAKA

     

     Queremos  desde o noso blog felicitar á  Editorial Kalandraka , que acaba de gañar o  Premio Nacional a Mellor Labor Editorial Cultural no ano 2012 "polo seu compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía".

      Na biblioteca temos moitos libros dispoñibles de esta editorial : picade aquí para consultar a lista .
      Nas pequenas bibliotecas de aula tamén temos moitos libros que, tanto polo seu contido, como pola calidade da ilustración, son os favoritos dos máis pequenos. Nesta captura de imaxe vedes algúns deles. 





5 oct 2012

A ÁRBORE DOS LIBROS LEIDOS

       Como actividade de inicio para este curso quixemos lembrar as nosas lecturas favoritas do verán. Así que  propuxemoslles aos nenos e nenas que, sobre a plantilla dunha folla decorada como máis lles gustase, escribisen xunto co seu nome e o autor, o título do libro que máis lles gustou no verán.
          
    A colaboración dos nenos  e nenas  foi todo un exito e as follas fóronse colgando na árbore que está na entrada do colexio, facendo aparecer ademáis todas as cores do outono...


Aquí vai unha pequena mostra dos centos de follas que nos están chegando á Biblioteca!
 




A ÁRBORE DOS LIBROS LEIDOS -

 Tantas follas chegaron que están a aparecer novas árbores polos corredores do colexio!




6 sept 2012

SAHARA - BUBISHER

clica agora!
        
        Acabamos de recibir unha carta e un diploma de parte da "Asociación de Escritores por el Sahara-Bubisher" que preside Gonzalo Moure (escritor que nos visitou durante o curso 2009-10) na que agradece ao noso cole a participación na campaña de aportación de libros destinados aos campamentos de refuxiados de Tindouf.    Unha bonita noticia para dar comezo a este novo curso. Agradecemos o diploma a nosa pequena colaboracion, pero o verdadeiro traballo realizano os voluntarios que atravesan o deserto para levarlles no seu bibliobus algo mais que libros: ILUSION. 



               
Un bibliobus cargado de libros e ilusions...

        Esperamos que as nenas e nenos dos campamentos disfruten  lendo tanto como todos nós. E desexamos que agora o BUBISHER, o paxaro da boa sorte , segun a tradicion arabe, lles traia eso, boa sorte para os pequenos lectores saharauis. 


                         



                             

 

23 ago 2012

BO E XENEROSO...


"Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son..."


        Onte despedimos a Avelino Pousa Antelo, "un galego dos bos e xenerosos". Foi dos últimos representantes da xeración das Mocidades Galeguistas, os máis novos participantes do movemento galeguista previo á guerra civil.   Avelino, foi  mestre, agrarista, político e escritor, e tamén pai, avó e veciño ... os seus 98 anos  de vida son un exemplo de vida para todos.
       Durante  case un século  amou á  Galicia  e tratou de facela mellor con entusiasmo de rapaz e a enerxía dos que son capaces de ver máis alá.
       Foi mestre de profesión e de corazón ( recordo unha emotiva e reivindicativa conferencia sobre as escolas unitarias onde mesturaba dous dos seus amores: a educación e o campo). 
       A familia foi tamén o eixo da súa vida e desde aquí lles mando todo o noso cariño e apoio



escoitemos nas súas propias palabras porque comezou a escribir:



en tódalas facetas da súa vida foi un home comprometido e tamén entusiasta e divertido



sempre terá un lugar na Historia de Galicia e na memoria e os corazóns de todos os que o coñecemos



Transcribo aquí a homenaxe que lle fixeron na Asociación de escritores en lingua galega (AELG) cando cumpleu 90 anos 

http://www.aelg.org/activ/18092004/laudatio.htm
http://www.aelg.org/activ/18092004.htm





5 jul 2012

RECUPERADO O CÓDICE CALIXTINO !!!

       Que mellor noticia que esta para irnos de vacacións!!!. Todos os que amamos os libros estamos de noraboa xa  que, despois das investigacións da Policía e da Garda Civil , hoxe  foi recuperado o Códice Calixtino, roubado fai un ano da Catedral de Santiago. Atopouse aquí ao ladiño, nun garaxe  do Milladoiro, envolto en plásticos e parece que en bó estado a pesar das condicións en que estaba.       
       A investigación, efectuada pola Brigada de Patrimonio Histórico da Comisaría Xeral de Policía Xudicial, coa Comisaría Local de Santiago de Compostela e especialistas de Policía Científica , aínda continúa aberta e desde aquí damoslles as grazas a todos estos funcionarios, polo seu esforzos para atopar un libro que é patrimonio de todos... un anaco da nosa Historia.














  

      O Códice está integrado por cinco libros de temática variada pero cun só obxectivo, enxalzar a figura do Apóstolo Santiago. Está datado no século XII. O máis coñecido e traducido é o último, xa que supón unha guía para o peregrino do Camiño Francés a Santiago, e describe o percorrido da ruta, os seus pobos e cidades, as súas xentes e costumes, os santuarios que deben visitarse e como debe tratarse ao peregrino. Tamén se recuperaron outros obxectos e libros relixiosos antigos, entre eles un dos Libros das Horas, que son textos únicos de rezos e salmos da Idade Media.


      
       Sin entrar nos motivos do roubo, a ignorancia ou a cobiza, si para algo pode servir este episodio sería para que tomemos conciencia da necesidade de respectar e custodiar o noso Patrimonio, o que non nos pertence só a nós, xa que o recibimos dos nosos devanceiros e temos a obriga de preservalo para as xeracións que nos seguirán.
    
       E a mellor maneira de preservar o noso Patrimonio  é coñecelo desde pequenos, estudar as épocas e as xentes que o fixeron,  que  escribiron, cantaron, e construiron o noso pasado:  saber quen fumos para saber quen somos.


BÓ  VERÁN  E   DISFRUTADE   DOS   LIBROS !


28 jun 2012

CONTACONTOS

   
      Nos derradeiros días do curso, contamos coa colaboración de Carla Capeáns, de NCC teatro que realizou sendas sesións de contacontos para o alumnado de 1º e 2º de primaria. A actividade tivo moito éxito, e os pequenos disfrutaron coa actuación de Carla, como se pode apreciar nas fotografías.




27 may 2012

nóstaméncreamos!


clicar en crtvg

        Ao longo deste curso os alumnos/as das tres clases  de 5 anos e unha de cuarto de primaria estiveron a participar na elaboración de  películas de dibuxos animados.

         Tratábase dunha actividade para a promoción da ligua galega. Nos tamén creamos! é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a dirección Xeral de educación en colaboración co CRTV Galega e a editora OQO. A partir dos álbumes publicados por OQO editora, os nenos crearon unha animación audiovisual en stop motion.

    Fixeron catro películas de dibuxos animados. Os de infantil escolleron os contos “SOPA DE NADA”, “QUE SUSTO CARACOL” e “NAVEGA CARACOL”  e os de 4º de primaria "A GUERRA DOS NÚMEROS". Despois de ler os contos e asimilalos, comezaron o proceso de facer unha película.  Explicouselle aos máis pequenos como se facían as primeiras películas de dibuxos (dibuxando e pintando fotograma a fotograma!).


  
    Despois pasaron a ver a técnica do stop motion, que consiste en fotografar paso a paso, tódolos fotogramas da escena, para darlle sensación de movemento.  Armáronse de cámaras, trípodes e moita paciencia e comezaron entón a fotografar:    24 fotos para conseguir ter só un segundo de   animación! . Tendo en conta que cada clase ten 25 técnicos de animación, 25 ilustradores, 25 guionistas, 25 críticos... non sei si podedes imaxinar o traballiño que lles dou !  
  
      






    
          
      
    Logo traballaron con todas as fotos nos programas de stop motion Monkey Jam e Imovie que por suposto, como todas as cousas, funcionaban cando querían e fallaban cando lles parecía… 

     E para rematar, montaron todas as escenas co Movie Maker, grabaron os audios do conto  co Audacity e puxéronlle  música:

XA TIÑAN UNHA PELÍCULA DE DIBUXOS ANIMADOS!!!

   O resultado pode verse na canle infantil da CRTVG,e alí tamén están as curtas feitas polos alumnos de outros coles. 
clicar para entar na canle da rtvg
----------------------------------------------------------------------------------------
E... de fantástico remate, Gonzalo "Darabuc" o autor de "Sopa de nada", púxonos un comentario (podedes velo na entrada anterior sobre a Exposición das portadas). Tamén lles mandou varios correos aos nenos e nenas de cinco anos que traballaron co seu conto. Imaxinade o entusiasmo dos pequenos: un autor que lles escribe!. E ademáis puxo a película no seu blog. Desde aquí  repetimoslle o noso agradecemento!.



  

17 may 2012

EXPOSICIÓN DE PORTADAS

       Para conmemorar o día do libro que se celebrou o pasado 23 de abril, pedíramoslles aos nenos de todo o colexio que participasen CREANDO UNHA PORTADA para un conto inventado.

       Antes tíñamos que analizar as partes materiais dun libro: portada, contraportada, lombo, título, capítulo, garda, índice, limiar etc ... Despois  vimos que ademais do escritor son moi importantes o ilustrador e a editorial para facer un producto interesante e aínda que non se debería xulgar un libro pola súa portada, sí que é un elemento decisivo á hora de escollelo.

       
        Os de infantil tiveron temática libre para realizar as portadas e os de primaria axustaronse ao lema deste curso que era "Unha meta a acadar: saúde e benestar". Agora tódolos traballos xa están  expostos na Biblioteca e polos corredores.

     Así que todos nos puxemos á tarefa de ilustración e comezamos a diseñar as portadas. Ademáis veredes que engadiron elementos coma os códigos de barras,  o prezo...    

      Agradecemos a súa participación a tódolos nenos e titores que colaboraron na creación das ilustracións. Como veredes foron moitísimos, desde os máis pequeniños de 3 anos ata o 3º ciclo. En esta presentación podedes ver unha pequena mostra da exposición:

 buscade a vosa portada!