Hoxe inaugurouse na Alameda de Santiago a Feira do Libro. O Alcalde de Santiago, a Presidenta dos libreiros e o actor Carlos Blanco presentaron esta nova edición coa actuación da Banda de Música e a participación da Asociación do traxe galego. Carlos Blanco fixo un monólogo cheo de humor sobre o tópico dos galegos que cando nos preguntan algo... respostamos con outra pregunta, xa que incluso o noso Himno se inicia deste xeito "que dín os rumorosos...?".
Logo púxose máis serio e fixo unha encendida defensa da cultura e os libros e rematou cunha emotiva lembranza de Roberto Vidal Bolaño a quen se lle adica este ano o día das Letras Galegas.
Entre os actos previstos, hai obradoiros, contacontos para os máis pequenos, teatro, narracións, recitais, presentacións de libros e varias charlas entre autores editores e lectores. E o luns 29 ás 7 da tarde o noso querido Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros.
Coma sempre, recoméndovos que deades unha volta pola feira, que remexades nos stands e preguntedes, xa que en cada un deles podedes atopar libros fermosos e cheos de imaxinación... Os máis pequenos poden subir aos escanos que a editorial Kalandraka sempre ten previstos para eles, os afeccionados os libros galegos, os de arte, dixitais, infantís, literatura fantástica, de intriga, os cómics e á banda deseñada teñen tamén os seus espazos ... así que só falta que sigades o lema deste ano :
PASEN E LEAN !
"O noso mellor tesouro é ter historias que contar, e xente que queira saber delas. Son o xeito no que , outros antes que nós, se explicaron a sí propios e nos explicaron a todos, a orixe das cousas que importan e algúns dos moitos misterios que se esconden nos profundos do universo mundo."
Roberto Vidal Bolaño
"Touporroutou da lúa e do sol"
No hay comentarios:
Publicar un comentario