23 sept 2011

Ola nenos/as!

Como estades? Espero que con  moitas ganas de vernos na biblioteca e de disfrutar e aprender dos libros que aquí temos.

Se é así, a partir do luns 26 de setembro podedes vir nos recreos a pasar un bo rato lendo, escoitando música,...etc.
Para facer uso dos ordenadores, televisores e reproductor de audio seguiremos as quendas que tedes nas vosas aulas.

Este curso, ademáis de libros,  podedes levar tamén  CD audios para escoitar música na casa.  Procurade coidalos moito e devolvelos no prazo indicado. Lembrade que tedes que deixar o material no mostrador das profesoras, non o coloquedes vós no seu sitio. Isto é moi importante para que saibamos que está devolto.

Sabedes que tedes que tomar a merenda antes de entrar e, unha vez dentro, gardar silencio, respectar as normas e obedecer ás profesoras ou aos nenos e nenas que axudan cada día.

                                Espero a vosa visita.

                                                                            Un saúdo
                                                                                                    LEODORO

14 sept 2011

Adeus

     É triste ter que lembrar nesta entrada a unha compañeira que se foi. Acabamos de enterarnos da triste nova do pasamento de Mª Dolores, MESTRA. Ela era a responsable da Biblioteca do IES Luis Seoane de Pontevedra e foi unha das impulsoras e organizadoras da actividade colaborativa  Salvando Libros  e de moitas outras intervencións.  Non a coñecíamos en persoa senon a través  das súas propostas, e sentimos a  perda, en palabras de quen a coñecía, " dunha  traballadora incansable e entusiasta, animadora, compañeira ... MESTRA". Lamentamos a súa ausencia tentando seguir o seu exemplo, recordando o seu entusiasmo. Desde estas liñas queremos expresar as nosas condolencias aos seus compañeiros e á súa familia. Lembremos que, aínda que ela non esté, sempre nos quedará o recordo do seu esforzo e a ilusión polo traballo dunha persoa que amaba os libros. Ninguén marcha de todo xa que permanece no recordo das persoas que a quixeron e que compartiron a súa vida.




"Todolos libros do mundo
non che dan a felicidade
... pero lévante en segredo 
cara ti mesmo.
Alí atopas todo o que precisas,
o sol , as estrelas  e a lúa
pois a luz que buscas 
vive en ti mesmo
e a sabedoría que buscaches
nas librerías
                   reloce en cada páxina ...
                                                   e agora ... é túa"
                                                    Herman Hesse



benvidos á busqueda do tesouro !

  
      Xa estamos aquí de novo, no comezo dun novo curso, que esperamos disfrutar xuntos. Estamos aquí rodeados dos libros que queremos, que nos gustan, que nos recordan os momentos que pasamos gozando dá súa lectura... Libros que nos achegan a eses amigos que levamos tempo sen ver e que, cando os atopamos de novo, fannos lembrar con agarimo os momentos pasados ao seu lado. Igual nos pasa cos bos libros, que son como amigos que nos falan, que nos contan as súas aventuras, boas ou malas, que nos fan pensar, que nos animan... 
          
        Desde as Bibliotecas escolares recomendamos libros: para gozar, para emocionarnos, e para progresar e mellorar... "Lemos para divertirnos, para pasar un intre, para coñecer o mundo, para coñecer outros mundos, para saber, para aprender, para compartir unha historia común, para non esquecer o pasado, para pensar, para aprender a pensar, para rir, para chorar, para refuxiarnos, para evadirnos, para imaxinar, para explorar, para pasalo ben, para soñar e, sobre todo, para facernos medrar como persoas..."
         En todo iso pensamos os mestres ao longo do curso e, os que  traballamos nos equipos das Bibliotecas escolares, esperamos poder levalo a cabo e transmitilo ao longo destes meses que temos por diante...
      Cando recomendamos un libro, transmitimos só una parte do misterio da lectura, pero atrás de eso queda a intriga da busca, a ledicia de atopar unas páxinas que che emocionan ou che devirten e que esperas poder compartir cos novos lectores… Ás veces a busqueda dun bo libro semella a busqueda dun tesouro e realmente eso é o que son os libros.
     Por iso na Biblioteca estamos coas portas abertas esperando que cada un atope o seu tesouro, e encha de diversión, coñecemento e imaxinación o seu propio cofre.

Benvidos todos e todas e comenzade a busqueda!