30 oct 2015

Día das Bibliotecas: os personaxes saen dos contos

  
   Continuando coa conmemoración do Día das Bibliotecas Escolares, o pasado luns os alumnos de infantil de 5 e de 3 anos foron recibidos na nosa Biblioteca por Leodoro e as súas axudantes (vestidas de princesas, fadas, reis, capitáns, bruxas, pintores e músicos). Aínda que algúns dos máis pequenos estaban algo cohibidos, a maioría quedaron asombrados polos personaxes saídos dos contos, sobre todo polas fadas e princesas ...
 As fotos da visita dos máis pequenos están neste video:
 E neste outro están algunhas alumnas dos equipos de maiores que colaboran na biblioteca durante os recreos preparándose para  representar os seus personaxes para recibir aos lectores....  Parabens!

24 oct 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES: os personaxes saen dos libros!

   Este sábado 24 de outubro conmemorábase o Día das Bibliotecas Escolares e preparamos unha instalación á que lle chamamos "Mergúllate nos libros": un mar no que navegamos cada día.  O venres desde o Equipo da  Biblioteca organizouse unha actividade na que algúns dos rapaces e rapazas maiores, que colaboran  durante os recreos, recibiron aos seus visitantes cunha sorpresa: Leodoro, a nosa mascota, e uns cuantos personaxes dos contos estaban esperando ...



   Repartidos polas distintas seccións e vestidos de Princesas, Fadas e Bruxas na zona de prelectores animais na zona de ciencias, Veláquez na zona de arte e pintura, Aladín, Harry Potter na zona de lectores autónomos, e de músicos coma Mozart na zona de música, enredaron e divertíronse cos maiores e asombraron aos pequenos de 4 anos que se achegaron na hora de ler. A actividade continuará para a semana

Neste video podedes ver algunhas fotos da sesión.

11 oct 2015

mergúllate nos libros!

    Dentro de pouco, o 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas para que todo o mundo se decate da súa importancia como "lugar de encontro de lectores grandes e pequenos co mundo da cultura e como ferramenta para mellorar a formación e a convivencia". Desde o noso Equipo escollimos este lema: "mérgúllate nos libros!". Para conmemorar esa data e ambientarnos estivemos "mergullándonos" nos fondos da  Biblioteca e atopamos moitos libros con temas mariños, para os pequenos, para os maiores, contos, albumes en 3D, novelas, banda deseñada, revistas etc... 
Temos, entre outros títulos, estes:
A praia da esperanza de Agustín Fernández Paz
Piratas do Caribe, o cofre do home morto
Teo en barco
Barxilón no mar de latón
Sabotaxe na Estaca de Bares de Manuel Riveiro
Carta das illas bailarinas de Jacques Prévert
Os piratas da illa da esperanza de Rivadulla Corcón
ondas de verde e azul de Ana Mª Fernández
los aventureros del océano.
Laia a nena da illa de Ánxela Loureiro....

   Todos están expostos no escenario esperando que vos mergulledes na súa lectura....
 Boa viaxe!
 

Novos usuarios da Biblioteca

 Os alumnos e alumnas que comezaron este curso en 1º de primaria foron recibidos como novos usuarios da Biblioteca.  
      Os rapaces xa coñecían e usaban a Biblioteca e a Leodoro desde Infantil, pero a partir de agora serán usuarios máis autónomos, así que poderán usala durante os recreos e tamén levar libros a casa.

    A presentación estivo a cargo do profe Miguel, que lles lembrou as normas de uso, as distintas zonas e servicios da Biblioteca e lles comentou como usar o carnet da Biblioteca.

Benvidos !   Esperamos que nos visitedes moito!