29 dic. 2017

Biblionadal

  Desde a Biblioteca participamos na creación dun recanto especial para o Nadal. Fixemos unha escolla dos libros relacionados con estas datas e creamos este espazo no primeiro andar do cole cunhas vistas inmellorables da nosa pérgola de glicinias. Coa colaboración dos equipos de extraescolares e  música, polo recanto foron pasando moitos grupos de nenos e nel contaron e tamén cantaron ao Nadal

(Premendo aquí podedes ver a canción dos alumnos de 2º).








14 dic. 2017

Guía de Nadal

        Guía de lecturas recomendadas para o Nadal elaborada polas Bibliotecas escolares do Concello de Ames.

11 dic. 2017

Biblioteca para nais e pais na Maía

   Como xa comentamos nunha entrada anterior, neste curso o Equipo de Dinamización da Biblioteca fixo unha  escolma de libros do interese das familias, e tralo anuncio desta nova prestación escolar, todos os luns, día de titorías, os pais/nais poden pasar por aquí en horario de tarde e levalos en préstamo. De momento parece un éxito, e xa se fai preciso incrementar a oferta dispoñible.
  Ademáis fai uns días os xornais galegos El faro de Vigo e La opinión da Coruña facíanse eco da nova nun artigo de Selina Otero onde tamén se recolle unha entrevista á directora Isabel Abelleira.



  A nova tamén está recollida nun artigo do Blog Innovarte sobre a necesidade das Bibliotecas para pais e nais que podedes ler premendo AQUÍ

4 dic. 2017

VIII Xornadas de Bibliotecas escolares

   Esta fin de semana do 1 e 2 de decembro membros do Equipo de Dinamización estivemos no Palacio de Congresos de Santiago asistindo as VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia organizadas polo CAFI. Co lema para este curso 2017/2018, Aprender a pensar coa biblioteca escolar máis de 1000 profesores e profesoras de ensino infantil, de primaria e de secundaria nos demos cita para  "ver como podemos aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas". (citado da páxina do Plambe)


  Queremos que as Bibliotecas sexan espazos para pensar, soñar, asombrarnos e  sobre todo para facernos preguntas e convertirnos en cidadáns críticos, con capacidade para pensar por nós mesmos, en definitiva para ser capaces de "pensar ben".
 


  Despois da presentación do Sr Conselleiro de Educación, escoitamos ponentes de Granada, San Sebastian..., e compañeiros que compartiron as suas experiencias desde institutos e escolas rurais e urbanas de toda Galicia, desde a Coruña, Vigo, Santa Comba, Noia, Muros, Cambados, Vilanova, Malpica, Salvaterra, Melide, Rois, Betanzos, Sober e Castro de Rei en Lugo, Vilar de Barrio en Ourense, Pontevedra.... 


 Desde todo tipo de escolas e Bibliotecas, escolares e públicas, e en todo tipo de circunstancias, faláronnos de :
  • Filosofía para nenas e nenos: aprender a pensar.
  • Proxectos intercentros: atrevéndonos a valorar o valioso.
  • A colección da biblioteca escolar e as súas circunstancias.
  • Repensando o presente.
  • Iniciativas filosóficas. A Olimpiada de Filosofía.
  • Experiencias. Escornabots.
  • Experiencias. Proxecto Lector.
  • Proxecto comedor Experiencias.
  • Pintamos moito.
  • A biblio do Valle Inclán. Unha aposta polos proxectos de centro.
  • Repensar as bibliotecas: a  UBIK de Donostia.
  • Penso, logo leo. As bibliotecas escolares como espazos de diálogo e reflexión 
  • Funiversity Robolution. Competencias informacionais e mediáticas para aprender divertíndose 
  • Estratexias para que a mocidade lea libros de filosofía.
  • "Entrelibros". A lectura en voz alta como ferramenta de intervención social.
  •  e a intervención final da escritora e narradora oral Charo Pita cos contos filosóficos.


3 dic. 2017

LIBROS POLA IGUALDADE


   
   Nesta entrada vou poñer máis polo miúdo algunhas das portadas dos libros da Biblioteca itinerante do Punto de Igualdade do que falamos anteriormente. Temos revisións de contos clásicos, outros puntos de vista, uns serios, outros con humor, relatos, libros ilustrados, banda deseñada, libros para os máis pequenos, para os adolescentes e para as familias. Para ler e sobre todo para reflexionar sobre eles... E todos adicados a previr as desigualdades de xénero e a violencia machista.