25 abr 2015

día do libro

   Con motivo do DÍA DO LIBRO  no colexio fixemos distintas actividades. Participaron maiores e pequenos, algúns por primeira vez. Todas as aulas se implicaron dun xeito ou outro.  Entre elas (e só poño algunhas) están estas:  

(Se premedes nos enlaces podedes ver as entradas nos blogs do colexio nas que se conta con máis detalle as actividades realizadas)





   Inauguramos o FARO da BibliotecaUn faro que xurde da frase coa que nos agasallou Agustín Fernández Paz:  “Onde hai unha biblioteca, hai unha luz que traspasa todos os muros. Coma un faro, expande ao seu redor ondas de imaxinación e liberdade”. Dedicámosllo a él que este ano é candidato ao Nobel de Literatura!. E acaba de publicar un novo libro: "A neve interminable", unha narración onde o misterio ocupa un lugar central.


   Os pequenos de 3 anos fixeron o seu primeiro MARCAPÁXINAS.  Esperamos que se aficionen á lectura e disfruten con ela. Tamén asistiron a unha sesión de Kamishibai e escoitaron na Biblioteca "O soldadiño de chumbo" leido pola profe Rosana.



 Os alumnos de infantil  visitaron o faro. 

  As aulas dos maiores de primaria, coordinados na hora de ler pola profe Ana,  iniciaron as sesións de AMADRIÑAMENTOS LECTORES   que continuarán nos vindeiros días.

  Tanto en infantil (premer AQUÍ) como en primaria (PREMER AQUÍ) dibuxaron as portadas dos libros que alumean as nosas noites, os que máis nos gusta que nos lean antes de durmir no caso dos máis pequenos e cos que disfrutamos lendo xa sós os de primaria. Colocámolas nos faros que están polos corredores indicando título e autor.


23 abr 2015

O FARO DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

    Colocamos un faro de madeira á porta da Biblioteca en consonancia ca frase coa que nos agasallou Agustín Fernández Paz e que temos escrita nas paredes da biblioteca. Adicámoslle esta entrada xa que en parte é o culpable de que enredaramos con esta historia... A frase daba pé!. Desde o equipo de dinamización da Biblioteca quentámoslle a cabeza a quen se puxo por diante: directora, carpinteiro, compañeiras que sin estar no equipo colaboraron en pintar e aportaron suxestións e moitas horas de traballo polas tardes....  E menos mal que Agustín só falou dun faro! No video máis abaixo está o proceso.
   As luces deste faro de terra adentro prenderanse por primeira vez o 23 de abril DÍA DO LIBRO para alumearnos o camiño a un mar de libros.


Quedades convidados a seguir as luces do faro! 



   No video vese o proceso de construcción desta estructura que tamén xerou a idea de que os rapaces fixesen as portadas dos libros que alumean as súas noites, libros que lles gusta ler ou escoitar antes de durmir. Con esas portadas decoramos os faros colocados polos corredores do colexio. (Na seguinte entrada porei os faros de papel tanto do edificio de infantil como de primaria).

21 abr 2015

A CDU NA BIBLIOTECA


   Teredes observado o curso pasado o "tren" que pegamos na Biblioteca, na parede dos ordenadores, e máis a sinalización de cores e grandes números nos andeis. Trátase da adaptación á biblioteca escolar do sistema internacional de organización dos fondos bibliotecarios. Nesta presentación  explicamos como funciona. O día 23 de abril durante a Hora de Ler proxectarémola nas aulas na pizarra dixital e tamén na pantaia da entrada do cole. Trataremos así de que os nenos entendan como están organizados os fondos segundo a temática, de xeito que cando busquen un libro saiban como atopalo. A presentación estará tamén no canal de You Tube da Biblioteca e na páxina da guía de usuarios que atoparedes nas pestanas de arriba, para que vos sexa máis doada de atopar.


A sinalización da CDU nos andeis.

Os tejuelos cos códigos.
 
 

1 abr 2015

PARTICIPACIÓN FAMILIAR NO DÍA DA POESÍA

  
    Como resultado da convocatoria aberta ás familias  para participar na Performance Poética que xurdeu a iniciativa do Equipo de Educación Infantil para conmemorar o Día Mundial da Poesía, o noso colexio foise enchendo de poemas. Murais realizados en todos os tamaños, formatos e estilos foron cubrindo os muros....


MOITAS  GRAZAS A  TODOS POLA  VOSA POÉTICA  COLABORACIÓN !

O FARO DA BIBLIOTECA

  Na derradeira semana antes das vacacións, seguro que algúns xa tedes visto unha estructura diante da porta da Biblioteca. Levantamos un faro inspirado na frase coa que nos agasallou Agustín Fernández Paz cando visitou o noso Centro. Contamos coa man de obra da carpintería de A. Negreira. 


     Á volta da semana Santa seguiremos coa obra, dandolle cor e engadindolle outros detalles para que, como na frase  de  Agustín, expanda ao seu redor ondas de imaxinación e liberdade. 



PREMER AQUÍ PARA VER O FARO

20 mar 2015

AVISO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA. PERFORMANCE POÉTICA

    O  21 de marzo é o Día Mundial da Poesía e seguramente xa vistes o centro envolto nunha performance poética que xurdeu por iniciativa do Equipo de Educación Infantil. Como o resultado foi tan fantástico, e animados pola boa acollida do proxecto, queremos pedirvos a vosa colaboración. Os nenos de infantil levan hoxe a nota que vos poño abaixo na que se explica como podedes participar e os materiais máis axeitados. Os traballos serán expostos polo exterior do centro. A CONVOCATORIA POÉTICA ESTÁ ABERTA A TODOS xa que como dí a pancarta que fixeron os pequenos de 4 anos e que colgaron na entrada do colexio:

  "A POESÍA, COMA O PAN, É DE TODOS!"

   Este poema de Gustavo Adolfo Bécquer en concreto foi escollido despois de que un pequeno de 3 anos  preguntase na clase:  "¿que és poesía?" (...certamente hai cousas que veñen dadas)

UNHA PEQUENA MOSTRA DO QUE XA ESTÁ EXPOSTO...
Grazas pola vosa colaboración!

18 mar 2015

MANOLO RIVAS EN BERTAMIRÁNS



   O alumnos de 3º coñeceron a Manolo Rivas, xornalista e escritor de “ O raposo e a mestra”, do que é ilustrador  Jacobo Fernández Serrano (que ademáis tamén é pintor, debuxante e  autor de literatura infantil). Como os rapaces tiñan mercado este libro como lectura do segundo trimestre, tiveron a oportunidade de que viñera e lles asinase os libros. A cita co autor tivo lugar o día 26 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para eles foi unha sorpresa que lles contase o conto, páxina a páxina, cun colaborador (que se chamaba Cesar) facendo efectos de són con materiais de todo tipo. E despois, asinou un a un, os libros dos 75 rapaces, que quedaron encantados coa experiencia.  Algunhas fotos están oscuras... pero recollen moi ben momentos nos que os nenos estaban totalmente concentrados e inmersos na historia. Tamén vos poño ao final de esta entrada un pequeno video que fixeron as profes que os acompañaron.


 RESUMO DO LIBRO:


     "O protagonista  é o raposo  Pindo, un animal independente, imaxinativo e algo fedello que seique  entende todas as linguas. A Pindo gústalle soñar que voa coa súa cola e o seu gorro de aviador e  tamén goza subindo ao alto dun cantil para ver a posta do sol, que converte os seus ollos en dúas lanternas capaces de hipnotizar. Outra das cousas que lle gustan é escoitar como falan as xentes do mar,e lévase moi ben con Serafín, un mariñeiro con quen conversa a miúdo. Serafín faloulle un día da chegada á vila da nova mestra Rosa, unha rapaza vexetariana á que lle gusta tanto aquelar o galiñeiro das súas galiñas para que estean máis contentas que consegue que poñan ovos de cores........" PARA LER MÁIS NA PÁXINA DE XERAIS CLICA AQUÍ  +





14 mar 2015

VISITA Á BIBLIOTECA AFUNDACIÓN DE SANTIAGO





    "Os nenos/as de 6ºA e 6º B, colaboradores de biblioteca, fixemos unha visita á BIBLIOTECA AFUNDACIÓN DE SANTIAGO. Interesábanos ver como era o funcionamento doutra biblioteca distinta da nosa.

   Alí, a bibliotecaria Bea explicounos que tiñan dúas salas: a sala infantil e a xuvenil. Contounos como se colocaban os libros, como se prestaban (se non se devolve un libro no prazo débese de aportar algún alimento para o Banco de alimentos!!!) e tamén nos mostrou unha selección de libros que lle parecían superinteresantes. Ela opinaba que un libro “infantil” pode ter varias lecturas, dependendo de quen o lea; non son só para os máis pequenos. Dicía que había libros que servían para curar, incluso algún trauma; como lle sucedera a un neno que visitaba esa biblioteca. Outros tiñan títulos moi divertidos: “Caca”, “Mamá ha puesto un huevo”, Carapuchiña africana”, “Biblioburro”… e moitos máis.

   Foi unha visita moi interesante. Axudounos a ver os libros de forma diferente".

(Texto íntegro remitido polos alumnos e alumnas de 6ºA e 6º B colaboradores da biblioteca )

A VIAXE DE GAGARIN E OUTROS PREMIOS

  
  1.  A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, acaba de ser recoñecido como mellor libro de ficción do ano co premio Anxel Casal pola Asociación Galega de Editores.

    Ademáis, na selección dos mellores de 2014 da web Fervenzas Literarias, Agustín Fernández Paz tamén foi elixido polos lectores como Autor do ano e A viaxe de Gagarin, como mellor libro de Narrativa de adultos.




SINOPSE DA VIAXE DE GAGARIN:
     "O doce de abril de 1961, o cosmonauta Iuri Gagarin, a bordo da nave Vostok 1, convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior....
   Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Daquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción ...". UN LIBRO CON BLOG PROPIO. LER MÁIS  +

                        E como esta entrada vai de PREMIOS: 

2. Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, de Xerais,  levou o Premio Neira Vilas o mellor libro infantil    otorgado pola  Asociación Galega de Editores
      Escarlatina competía  entre outros con:
A cociñeira do rei, de Soledad Felloza. OQO Editora.
Non hai berce coma o colo, de Magoia Bodea e outros. Kalandraka Editora.
Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre. Edicións Xerais.
Xique Xoque, Fiu Fiú+ DVD, María Fumaza. Editorial Galaxia.
Cuca e o abrigo marrón, Fina Casalderrey. Edicións Rodeira.

 SINOPSE DE ESCARLATINA:
   "Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX..."





   3. E, como non, o Premio Fernández del Riego á difusión cultural que foi para as Bibliotecas Escolares de Galicia   "polo seu labor de apoio continuado ao libro e a lectura no ámbito escolar". Desta rede nós formamos parte xunto con máis de 500 bibliotecas máis! Parabéns a todos compañeiros/as!.