18 mar 2012

RESEÑAS

      Hoxe queríavos recomendar dous libros de autores galegos que acaban de ser incluidos na prestixiosa lista The White Ravens, recopilada cada ano por unha biblioteca especializada en literatura infantil y juvenil de Múnich e que se considera unha referencia neste ámbito. A lista selecciona, de entre os miles de libros publicados cada ano, 250 infantis e xuvenis editados en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países. Trátase dos álbumes  Zimbo, da editora OQO, e A viaxe de Olaf, de Kalandraka.

     Na edición do ano pasado tamén incluiron outros dous libros galegos : Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (Kalandraka), e O pintor do sombreiro de malvas, escrito por Marcos Calveiro (Xerais) e ilustrado por Ramón Trigo.

 A VIAXE DE OLAF

  Un álbum cheo de colorido, un fermoso canto á amizade protagonizado por unha sorte de principiño que, farto da soidade, inicia unha viaxe na procura de novos horizontes e de compaña. Tras partir do seu pequeno planeta, Olaf xúntase a diversos animais fantásticos nunha travesía de inspiración acumulativa e circular tan propia dos contos infantís.  A oralidade e musicalidade da historia remárcanse polo tratamento visual do texto e polo uso de patróns comúns nestas fábulas, como son as rimas, os xogos de contrarios, os diálogos reiterativos -«Vés conmigo?, preguntou. E como non dixo que non...»


ZIMBO

   

      Unha emotiva historia que fala das ansias de liberdade e emancipación, pero tamén da dor da perda e de deixar marchar do noso carón ás persoas que amamos. No fermoso álbum, un monicreque ansía cortar os seus fíos para tomar as rendas da súa propia vida, a pesar de que sabe que a liberdade privaríao desa gaiola de ouro que supón o agarimo e os coidados do seu creador. As láminas iniciais en branco e negro dan paso a unha explosión de cor.

No hay comentarios: