29 nov. 2015

Homenaxe nos alumnos e alumnas de 6º a Neira Vilas

       Segundo escribín na entrada anterior, Xosé Neira Vilas estivo falando  cos rapaces de 6º B a mesma mañá do xoves. Por unha serie de coincidencias chamou  por teléfono cando eles estaban a piques de ler un dos seus poemas e falou cos nenos a través da súa profe. Fíxolles prometer que sempre lerían poesía... Agora as rapazas e rapaces enviaronlle a Marina  a súa homenaxe personal a este gran escritor e aquí vola poño tal e como eles a escribiron:
 



"HOMENAXE do alumnado de 6ºB a Xosé NEIRA VILAS

Ai, amor!

Que lonxe!  Que lonxe estás!
Canta terra entre nós dous.
Pero dende que te fuches.
Ai, amor!  Ai, amor!

(Xosé Neira Vilas)


     O grupo de alumnos e alumnas de 6º B do Ceip A Maía tivemos a sorte de poder lerlle o poema “Ai, amor!” a Xosé Neira Vilas; escoitarlle e recibir, da súa parte, agarimosas palabras, animándonos a seguir lendo poesía.
    Isto que contamos, tería pasado en centos de veces con nenos e nenas de toda Galicia. Pero, no noso caso, foi algo especial: ocorreu o xoves día 26 de Novembro pola mañá, e esa mesma noite, faleceu na súa casa.
   Estas son as nosas palabras de homenaxe e recordo ao escritor. E queremos que vaian acompañadas dunha promesa: non esqueceremos ler poesía nin as súas obras en prosa!
     Balbino e Ruliño están tristes. Botan de menos ao seu pai.
    Os nenos queremos que Xosé volva ás nosas vidas. De calquera xeito, sempre estará no noso corazón.
                                                       As alumnas e os alumnos de 6º B."

3 comentarios:

Fernando Redondo Neira dijo...

Son Fernando, pai de dúas nenas do colexio de A Maía e sobriño de Neira Vilas. Nada máis quería expresar cánto me conmoveu esta increíble historia da intervención do "pai de Balbino" no transcurso dunha clase para animar aos nenos a seguir lendo poesía. Tamén desexo reafirmar o meu agradecemento polo cariño e aprecio que sempre se lle tivo a Pepe nese colexio e, finalmente, que me sinto moi afortunado de formar parte desa comunidade escolar. Apertas para todos e, en especial, para a profe Marina e os seus alumnos e alumnas.

Teresa dijo...

Eu coñecin a Neira Vilas o ano que nos veu a falar dos seu libros: "Cartas a Lelo" e "Memorias dun neno labrego" que nos leramos na aula. Sempre me lembrarei del por como nos tratou e do amable e agradable que foi con nòs. Adicounos o seu tempo e tòdolos libros. Foi unha grande persoa.
Tamen teño que dicir que algùns dos meus compañeiros tiñan unha relaciòn màis cercana e sempre lles oìn falar del con agarimo e eloxios.

Ceip A Maía dijo...

Moitas grazas Fernando: só queríamos devolverlle un pouco do tanto que Neira Vilas nos deu á nosa comunidade educativa, a sociedade e a cultura galega en xeral, e á nosa fermosa lingua: sempre estaremos en débeda con el.
Unha enorme aperta.
Ceip A Maía