22 mar 2012

PREMIO HANS CHRISTIAN ANDERSEN


páxina da escritora

       Acaba de fallarse estos días en Basilea   o Premio Hans Christian Andersen,  o recoñecemento máis importante a nivel mundial dentro do xénero da literatura infantil e xuvenil. Lembramos que Agustín Fernández Paz  era o candidato de España para o que se considera o Nobel da Literatura Infantil e Xuvenil

        Concedeuselle á escritora arxentina  María Teresa Andruetto.
O premio entrégase cada dous anos a un escritor e a un ilustrador, cuxos traballos completos fagan unha contribución fundamental ao campo da literatura infantil e xuvenil. O premio deriva do nome do escritor danés Hans Christian Andersen e os gañadores reciben unha medalla de ouro e un diploma das mans da raiña de Dinamarca.
 
         A construción da identidade individual e social, as secuelas da ditadura en Arxentina e o universo feminino son algúns dos eixos da súa obra. A  escritora, traballou na formación de mestres, fundou centros de estudo e revistas especializadas en literatura infantil, dirixiu coleccións e participou en plans de lectura. Cunha traxectoria de 30 anos, Andruetto é profesora invitada en numerosos espazos de formación , e expositora en congresos, seminarios, feiras e xornadas, no país e o estranxeiro.


      Está asimesmo  incluída na Lista de Honra de IBBY -organización internacional que fomenta o entendemento entre nacións a través da literatura infantil-; e, en 2009, recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil que tamén gañaron  os galegos Agustín Fernández Paz no ano 2011 e  Xoan Farias no ano 2005.
      Andruetto é autora de contos infantís como "A nena, o corazón e a casa", "Solgo", "A dormente", "Campión", "O incendio", "Auga Cero", "Trens. Unha historia de amor para nenos" e "A árbore de lilas". Entre as súas novelas xuvenís, figuran "Veladuras", "O país de Juan", "Benjamino", "A muller vampiro", "Stefano", "Pegadas na area" e "O anel encantado".

      Os seus libros, publicados por Edelvives, Suramericana - Random House Mondadori, Alfaguara e outras editoriais prestixiosas, son materia de estudo en universidades nacionais, americanas e europeas. 
Outros premios da autora son:
  • Premio Novela do Fondo Nacional das Artes

  • Premio Novela Luis de Tejeda

  • Premio Internacional doCuento Terra Ignota

  • Lista de Honra de IBBY

  • Finalista do Premio Sent Sovi/Ediciones Destino

  • Finalista Premio Clarín de Novela

  • White Ravens da Internationale Jugendbibliothek

  • Asociación de Literatura Infantil y Juvenil Argentina.

  • 18 mar 2012

    VISITA DE ALICIA BORRÁS

         O pasado luns 12 de marzo visitou o colexio a escritora viguesa  Alicia Borrás Sanjurjo (clica aquí para ver máis ).

         Comparteu cos alumos de 5º e 6 de primaria e os seus titores as súas experiencias como escritora, os seus inicios, plans de futuro e falou sobre o seu libro "NATA  Y CHOCOLATE" editado por Anaya, da colección Sopa de Libros.                
         
         Mostrouse moi cercana e simpática  neste encontro  e falaron sobre a protagonista da historia, Sonia, unha nena calada, triste e solitaria e o acoso escolar ao que se ve sometida polos seus compañeiros... Os rapaces amosáronlle os traballos que fixeron sobre o libro e decoraron o escenario cos seus dibuxos. Como remate asinoulle o libro a todos os nenos e un para o cole.














    RESEÑAS

          Hoxe queríavos recomendar dous libros de autores galegos que acaban de ser incluidos na prestixiosa lista The White Ravens, recopilada cada ano por unha biblioteca especializada en literatura infantil y juvenil de Múnich e que se considera unha referencia neste ámbito. A lista selecciona, de entre os miles de libros publicados cada ano, 250 infantis e xuvenis editados en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países. Trátase dos álbumes  Zimbo, da editora OQO, e A viaxe de Olaf, de Kalandraka.

         Na edición do ano pasado tamén incluiron outros dous libros galegos : Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (Kalandraka), e O pintor do sombreiro de malvas, escrito por Marcos Calveiro (Xerais) e ilustrado por Ramón Trigo.

     A VIAXE DE OLAF

      Un álbum cheo de colorido, un fermoso canto á amizade protagonizado por unha sorte de principiño que, farto da soidade, inicia unha viaxe na procura de novos horizontes e de compaña. Tras partir do seu pequeno planeta, Olaf xúntase a diversos animais fantásticos nunha travesía de inspiración acumulativa e circular tan propia dos contos infantís.  A oralidade e musicalidade da historia remárcanse polo tratamento visual do texto e polo uso de patróns comúns nestas fábulas, como son as rimas, os xogos de contrarios, os diálogos reiterativos -«Vés conmigo?, preguntou. E como non dixo que non...»


    ZIMBO

       

          Unha emotiva historia que fala das ansias de liberdade e emancipación, pero tamén da dor da perda e de deixar marchar do noso carón ás persoas que amamos. No fermoso álbum, un monicreque ansía cortar os seus fíos para tomar as rendas da súa propia vida, a pesar de que sabe que a liberdade privaríao desa gaiola de ouro que supón o agarimo e os coidados do seu creador. As láminas iniciais en branco e negro dan paso a unha explosión de cor.

    7 mar 2012

    SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

     
    entra
    
           
            "Do 4 ao 31 de marzo de 2012, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Este proxecto cultural que comezou a andar no ano 2000, constitúe unha das pezas máis prezadas da programación anual do Concello de Pontevedra. O Salón do Libro segue a ser un espazo marabilloso, creado grazas a implicación de moitas persoas que, coma vós, adicades parte do voso tempo a que esta sexa unha realidade que poder amosar orgullosos e orgullosas á cidadanía en xeral e aos nenos e nenas en particular.
              Este ano o Salón indagará nas supersticións; de onde  veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.


              Ao igual ca noutras edicións, ademais da programación específica no Pazo da Cultura, o Salón volverá sair ás rúas de Pontevedra para celebrar roteiros e actividades de animación, que se intensifican cos pasarrúas polo centro histórico de Troula, Buqueiras Novo e Os Bolechas.
                  No Salón hai programación concertada e aberta para todos os públicos, dende os bebés ata os máis maiores que contan cunha programación específica teatral, coloquios e conferencias. Ademais todas as semanas haberá presentacións de libros por parte de editorias.
             Este ano por primeira vez haberá xogos tradicionais no recinto feiral impartidos pola Asociación Galega de Xogos Tradicionais, asi como cun aberto de billarda, no que poderán participar todos os que o desexen".

    Clica para entrar na páxina do Salón e seguir a ver as súas propostas...

    5 mar 2012

    Visita de Alicia Borrás Sanjurjo

          A visita
         
         O vindeiro luns 12 de marzo esperamos a visita da escritora Alicia Borrás Sanjurjo, autora do libro “Nata y Chocolate” na Ed. Anaya, da colección Sopa de Libros. A autora viguesa conversará co alumnado de 5º e 6º de primaria sobre a protagonista da historia, Sonia e o acoso escolar; e tamén sobre a súa faceta literaria, os seus inicios, plans de futuro…

                                                                     A autora

          Alicia Borrás Sanjurjo traballa como actriz de televisión e de dobraxe. Ademais, imparte clases de interpretación e talleres de teatro para cativos e adultos. Vive rodeada de nenos, aos que di entender mellor que aos adultos, e lle serven de inspiración para as súas novelas. Moita da súa obra mantén a relación coas narracións populares transmitidas de xeito oral de xeración en xeración (como a obra “O mar é noso” na Ed. Galaxia, que é unha colección de relatos breves)  e outras saen directamente da tradición folclórica (como o libro de adiviñas "Quen son?", que podedes pedir na Biblioteca do cole). A maior parte da súa obra  está dirixida  cara o público infantil a través de contos e poesía, como "Bichitos enaniiiiitos", pero non únicamente. En 1998 Alicia Borrás foi finalista do Premio Lazarillo de Creación literaria coa obra "Versos graciosos, sabrosos y jugosos"





             Gústalle moito ler, desde moi pequena, e dí "Creo que ninguén pode escribir sin ler. É un pracer necesario. Ter un libro novo  provócame a mesma maravillosa sensación que lle pode producir a outros ter unha viaxe planeada, eu viaxo cos libros".

            Sobre a súa outra faceta como actríz de dobraxe, dirixe cursos nos que  dí que  «Nada amosa tanto o noso  carácter como a voz. É unha extensión de nós mesmos. Con ela comunicamos, ferimos, asustamos, divertimos, animamos... Si nos decatáramos de todo o que facemos con ela durante o día,  prestaríamoslle un pouquiño máis de atención. Coa voz optamos a un posto de traballo, enamoramos, seducimos e encantamos...».


    
    1º capítulo , clica aquí
    
          Reseña do libro "Nata y chocolate"

          Sonia é unha nena de once anos calada, triste e solitaria. A razón é que os seus compañeiros métense con ela por ser albina; Lola incluso lle obriga a facerlle os deberes. Ninguén parece darse conta desta situación ata que unha nova mestra, Inés, chega ao centro e decide cambiar a situación na que vive Sonia...

         Clica baixo a imaxe de Sonia para ler o primeiro capítulo de esta interesante novela sobre as diferenzas, o acoso escolar e o respecto.      
              

    27 feb 2012

    HOXE ROSALÍA

             Transcribo aquí a  Declaración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro, 175 anos despois do seu nacemento.

           A AELG, organizou nas principais cidades e vilas lecturas públicas da obra rosaliana, nas que se leu un manifesto solicitando a difusión do coñecemento da obra de Rosalía de Castro, en especial entre as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, pois a súa poesía ou prosa reflexiva son base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.


    ".....Hoxe Rosalía
    como canto universal que ergue a voz no nome dos oprimidos e que serve
    como sinal-vieiro para estes comezaren a erguerse e botar a camiñar.
    E así,
    cun ollo posto no pobo que pedía cantar á meniña gaiteira, e o outro no porvir
    da man da xustiza que depara o mañá, Rosalía, facho alentador, segue
    marcando hoxe o ritmo dos nosos pasos."
                   Antía Otero e Mario Regueira
        (leede o texto completo picando en  manifesto)  

    26 feb 2012

    ROSALÍA TEN 175 ANOS !

    
    Biografía e obra clica aquí
    
        O pasado venres 24 de febreiro conmemórouse o 175 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, unha das figuras máis relevantes do Romanticismo.

         María Rosalía Rita de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela, nunha casa do Camiño Novo. Era filla de nai solteira, fidalga vida a menos, e dun cura, foi inscrita na súa acta de nacemento como filla de pais descoñecidos. Non se sabe moito dos seus primeiros anos salvo que pasou a  súa primeira infancia en Ortoño, cunha tía paterna, e aprendeu por entón o galego e numerosos relatos populares da súa terra. Parece que non viveu coa súa nai, influida polos prexuizos e as presións sociais da época, ata que Rosalía tiña  6 ou 7 anos. Empezou a escribir poesía cando contaba doce anos, e con doce ou trece anos trasladouse a Santiago en compañía da súa nai. Parece que a súa educación foi escasa  e a típica daquel entón para unha muller, destacando en debuxo, música e declamación.

          En 1854 mudouse a Madrid xunto a un tio avó, Xeneral do exército da Raiña Isabel II, e alí coñeceu aos grandes poetas románticos da época. Alí coñeceu tamén ao poeta, novelista e investigador Manuel Murguía, impulsor do movemento de defensa e fomento da cultura galega chamado Rexurdimiento. Rosalía publicou en 1857 o seu primeiro poemario, "A flor", e un ano despois casou con Murguía, con quen tivo sete fillos durante a súa vida en común. O seu marido confiou na súa capacidade e animouna a escribir e publicar nun tempo nada fácil para as mulleres. Mudáronse en diversas ocasións por motivos laborais e atravesaron malos momentos, tanto por problemas económicos, como pola fráxil saúde de Rosalía.
         Publicou varias obras en castelán e  "Cantares galegos" en 1863, una homenaxe á súa terra escrita integramente no noso idioma, que desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. Na obra  describe costumes, ambientes e a grave situación social no mundo rural. Ese mesmo ano escribiu "Á miña nai", unha serie de poemas inspirados pola morte daquela, e máis adiante outras dúas novelas: "Ruínas" (1866) e a historia fantástica "O cabaleiro das botas azuis" (1867).
              Cando o seu home foi elixido director do Arquivo de Simancas en Valladolid , mudouse toda a familia e alí Rosalía compuxo  gran parte da súa obra en galego. Publicou "Follas novas" en 1880, unha serie de poemas sobre a vida e a morte, a condición da muller e a soidade, que reflicte o espírito sensible e pesimista que o paso do tempo e as viravoltas da vida ía marcando na vida e o carácter de Rosalía.
           En 1871 a familia volveu trasladarse, esta vez de regreso ás súas orixes en Galicia, pasando por Torres de Lestrove, Dodro, Santiago de Compostela e Padrón. Das poucas cartas persoais que se conservan (Murguía queimou a maioría cando ela morreu) despréndese que nunca gozou de boa saúde.
          En 1884 publicou en castelán "A orillas del Sar", probablemente o seu mellor traballo, con temas nos que calquera pode sentirse reflectido. É unha colección de poemas sobrios e intimistas cheos de desalento, onde novamente trata os seus dous grandes temas, a dor da vida e o baleiro da soidade.
          Rosalía de Castro rematou a súa vida o 15 de xullo de 1885 no seu fogar de Padrón. Os seus restos descansan hoxe no Panteón de Galegos Ilustres do Convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.
       Aquí vos poño un par de videos que demostran a forza e o sentimento das letras de Rosalía:
           .un de María do Ceo cantando "Negra sombra"
         .e outro con imaxes montadas sobre a canción do cantautor berciano  Amancio Prada musicando o poema de Rosalía "Adios rios, adios fontes."..
        



    7 feb 2012

    "A VOLTAS COA CREATIVIDADE", POLO IES DE AMES

    Estimados/as Mestres/as, Pais/Nais, Alumnos e Alumnas:

            Este  é o programa dunha serie de charlas moi interesantes que os profesores do  IES DE  AMES coordinan dentro do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria, sobre o tema "A VOLTAS COA CREATIVIDADE" e que se están a desenvolver  o longo deste curso 2011-2012.
          Tendo en conta sobre todo, que os alumnos e alumnas que agora están en 6º, pronto pasarán a ese Centro, aquí están as datas por si estades interesados en asistir, para "ir entrando en ambiente" e coñecelo de primeira man.

     "A VOLTAS COA CREATIVIDADE"


    18/XAN Renata OTERO Todos/as podemos ser creativos/as... queres?
     25/XAN José A. BERRIOCHOA Cómo se fan matemáticas: Pascal e Turing
     01/FEB Suso FIDALGO Ciencia: causalidade e casualidade
     08/FEB Antonio VÁZQUEZ Consciencia e Física cuántica
     15/FEB Pilar TOBAR Creadores de mapas na Época dos Descubrimentos
     29/FEB Rosa M. FERREIRO Arquitectura popular versus arquitectura moderna
     14/MAR Lucinda SOUSA As forzas creativas da lingua inglesa
     11/ABR Federico BOUZA ¡Socorro: soy creativo!
     18/ABR Fernando SAINZ A creatividade do "Creador" na pintura
     25/ABR Anxo SAMPEDRO Entre o apolíneo e o dionisíaco
     09/MAI Sonia ROHRER Excéntricos y originales
     23/MAI Margarita OLIVAR Lecturas estimulantes
     OLIVAR, NEIRA, ... Creando sabores

           
    As sesións son na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:30 h.

    2 feb 2012

    Os fantásticos libros voadores de Mr Morris Lessmore

         Desde a Biblioteca esta vez non imos falar dun libro, senón dunha película sobre os libros que nos axudan e que nos marcan a vida.  Queremos compartir con vos unha fermosa curta de animación  na que se conta a historia dun escritor, Mr Morris Lessmore

          A película  está inspirada no desastre que provocou o furacán Katrina cando asolagou Nova Orleans, no actor cómico de cine mudo Buster Keaton (os afeccionados ao cine e os máis maiores lembrarán que en España era coñecido como Pamplinas ou "cara de pao"), no Mago de Oz e, por suposto, no amor polos libros. É unha historia de persoas que dedican a súa vida aos libros... e os libros devolvenlle o favor.

          "Os fantásticos libros voadores de Mr Morris Lessmore" é unha das cinco curtas de animación candidatas aos Oscar de este ano. Usa diversas técnicas de animación: miniaturas, animación por ordenador e animación 2D e ten un aquel das antigas películas mudas e dos vellos musicais. E, en apenas 15 minutos, sen necesidade de falar e coa sóa forza das imaxes e da música, consigue transmitir toda a emoción e o amor polos libros.
    Disfrutade!
      




          Se queredes saber como se fixo a película, aquí vos poño o enlace coa páxina oficial , ten o making of e  entrevistas co director William Joyce, un ex-directivo de Pixar que traballou en Toy story , Bichos e Robots...
     
    picade aquí se queredes saber máis sobre a película