AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (nado en Vilalba) un dos escritores máis coñecidos da literatura infantil e xuvenil, foi nomeado DOCTOR HONORIS CAUSA pola Universidade de Vigo. É autor de numerosos libros escritos en galego e traducidos a moitas linguas facendo que a súa voz, "coma un faro", chegue máis alá das nosas fronteiras.
Despois de visitarnos no colexio deixounos unha fermosa frase que hoxe temos escrita ao longo da parede da nosa Biblioteca (que leva o seu nome):
“Onde hai unha biblioteca, hai unha luz que traspasa todos os muros. Coma un faro, expande ao seu redor ondas de imaxinación e liberdade”. As Bibliotecas podemos ser faros, os lectores apropiámonos para sempre das obras leidas, que permanecen para sempre con nós ... pero a luz que poidamos transmitir pertence aos autores e creadores.
O autor e dinamizador de movementos de renovación pedagóxica e defensor da lingua, ve recoñecida con este doutorado a súa achega á cultura galega. Ao longo da súa vida leva acumulados numerosos premio, por exemplo o Premio Nacional de Literatura Infantil por O único que queda é o amor, o Lazarillo por Contos por palabras,o Edebé infantil con A escola dos piratas e o xuvenil por Trece anos de Branca, o Merlín por As flores radiactivas, o premio Rañolas por Cartas de inverno, VII premio iberoamericano LIX ...
Nas palabras do padriño da ceremonia, o doutor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, nomeouse doctor Honoris Causa a Agustín "polos seus méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”.
"A súa obra é vizosa, é galega, é excelente, é recoñecida e é universal".
Ainda que comezou de perito industrial mecánico, Agustín Fernández Paz pronto se decatou do seu amor polos libros, ensinando ou escribíndoos, xa que foi Mestre de ensino primario e Licenciado en Ciencias da Educación e traballou como profesor de EXB e ao longo dos anos acumulou unha extensa obra da que podemos ver unha reseña na propia páxina do autor si clicades AQUÍ. ou na imaxe que puxen ao final de esta entrada.
Nas mesmas palabras de Agustín “Escribir é como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. E ser consciente de que aramos sobre os mortos desta terra, de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon ... coa conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces”.
No seu discurso de aceptación (clica!) fixo seis importantes LEMBRANZAS:
"LÉMBROME da creación do mundo,
LÉMBROME dos libros que lin,
LÉMBROME da inesquecible descuberta de que había libros escritos en galego,
LÉMBROME do poema «Un paso adiante e outro atrás, Galiza e a tea dos teus soños non se move.»
LÉMBROME dos libros que levo escritos, en especial dos de ficción,
LÉMBROME da miña dona e da a miña filla, elas sostéñenme e danlle sentido á miña vida"
Obras de Agustín Fernández Paz |
No hay comentarios:
Publicar un comentario