29 dic 2011

        Este ano celébrase o cincuenta aniversario da publicación en 1961 do libro  "Memorias dun neno labrego". Vai xa pola 34º edición en galego e leva as ilustracións de Isaac Díaz Pardo. Deste libro fixéronse traduccións ós idiomas castelán, éuscaro, catalán, francés, inglés, alemán, romanés, chinés, ruso... (As cartas a Lelo editaronse por primeira vez no 1971, coas ilustracións de Luis Seoane)

         O autor, D. Xosé Neira Vilas, visitou o centro o  pasado 9 de decembro  para  compartir a mañán cos nenos e nenas do 3º Ciclo e respostar ás súas preguntas. Ó longo da mañán e durante dúas sesións, falounos da súa vida, desde a súa infancia na parroquia de Gres e da relación desta coa súa obra. Falou da emigración, do idioma galego e dos 43 anos que viveu fora. Para oilo, podedes clicar aquí e ver o video da visita. Os nenos presentáronlle dibuxos, poemas, murais e outros traballos que realizaron despois de ler as Memorias e as "Cartas a Lelo", que xunto con "Aqueles anos do Moncho" forman unha triloxía imprescindible. Os nenos  amosáronlle uns libros-homenaxe que fixeron. Tamén nos dou unha primicia xa que pronto vai publicar unha nova novela, que levará por nome "Esperando ao leiteiro". Durante a mañán, despois das charlas na Biblioteca e acompañado polos profesores do 3º Ciclo, percorreu o Centro vendo os traballos e dibuxos que os rapaces tiñan expostos nos corredores  e pasou pola aula de 6º C que leva o seu nome.




                    Os nenos asománse agora por primeira vez ao mundo de Balbino e Lelo e moitos mestres recordaron aquelas primeiras lecturas que nos achegaban á memoria dun mundo que, como dí Neira Vilas, xa case só pertence a unha xeración que medrou sin teles, sin móviles e sin ordenadores... pero con todo un mundo por diante e moitas gañas de coñecelo...   

22 dic 2011

Discurso de Agustín Fernández Paz en México

"LEER PARA TRANSFORMAR O MUNDO"  

       Queremos compartir con todos vos o fermoso discurso que, con este título tan suxerente, pronunciou  Agustín  o 29 de novembro de 2011 durante a recollida do VII Premio Iberoamericano  SM de literatura Infantil e Xuvenil. No blog de Xerais está a gravación do discurso, realizada por Xulio Abollo.




Quero destacar do discurso algunhas frases  moi interesantes:

"A lectura non só nos axuda a medrar como persoas, senón que tamén é imprescindible para construir unha sociedade mellor, máis xusta, con cidadáns críticos e responsables."
"todas as persoas necesitamos historias, todas temos sede de palabras: coma se fose unha característica inscrita no ADN da humanidade".
 "lingua e infancia levanme aos meus anos en Vilalba, cando asistín á creación do mundo e fun descobrindo os nomes das cousas, nese maravilloso proceso que se repite nos primeiros anos de vida de calquer persoa"

"a lectura é un pracer que esixe tempo e constancia. Por iso a súa promoción ten que formar parte das prioridades estratéxicas de calquer sociedade democrática. É importante que as administracións apoien, dunha maneira decidida, leis e medidas que favorezan a biodiversidade cultural"

"a lectura é un pracer que esixe tempo e constancia. Por iso a súa promoción ten que formar parte das prioridades estratéxicas de calquer sociedade democrática. É importante que as administracións apoien, dunha maneira decidida, leis e medidas que favorezan a biodiversidade cultural"

 
Aquí tedes o documento publicado por Xerais co texto  completo do discurso de Agustín:




12 dic 2011

VISITA DE D. XOSÉ NEIRA VILAS

      “Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén…” con estas palabras comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega  “Memorias  dun neno labrego” que este ano vén a cumprir 50 anos da súa publicación (1961).

O pasado venres día 9 de decembro, os nenos e nenas do 3º ciclo tiveron o privilexio de compartir uns entrañables momentos co autor do best seller galego, D. Xosé Neira Vilas.

        Deste libro fixéronse traduccións ós idiomas castelán, éuscaro, catalán, francés, inglés, alemán, romanés, chinés, ruso,…Ate o ano 2009 levábanse publicado á beira de 600.000 exemplares, polo que a estas alturas e coas reedicións conmemorativas polos 50 anos do libro, seguramente que as publicacións se incrementaron considerablemente.

Os de 5º fixeron distintas actividades arredor do libro “Memorias dun neno labrego” e os de 6º fixeron o mesmo co de “Cartas a Lelo” (que con “Aqueles anos do Moncho” conforman a triloxía que leva por nome O Ciclo do Neno), e sobre estos libros fixéronlle moitas preguntas ao autor, que ademais nos falou da súa propia vida  e comparou a súa infancia coa de Balbino .

Para acadar máis información acedimos á páxina persoal do autor:

Fundación Xosé Neira Vilas (clica na imaxe)

          Clicade  na imaxe para aceder ao video que fixeron os titores do 3º ciclo durante a visita de Don Xosé Neira Vilas ao Ceip A Maía. Percorreu os corredores onde os titores e os alumnos lle foron amosando unha  parte dos  traballos que tiñan expostos.

video realizado durante a visita, por P. Fontarigo

11 dic 2011

COLABORANDO CO BUBISHER NO DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

       10 DE DECEMBRO - DÍA DOS DEREITOS HUMANOS
        
 "63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

        Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

         Mais, aínda así, cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con rodas (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

     E, con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nacemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

Bubchir بوبشير (o da boa nova)


* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.



*Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


         Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas."

Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)