27 feb 2012

HOXE ROSALÍA

         Transcribo aquí a  Declaración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro, 175 anos despois do seu nacemento.

       A AELG, organizou nas principais cidades e vilas lecturas públicas da obra rosaliana, nas que se leu un manifesto solicitando a difusión do coñecemento da obra de Rosalía de Castro, en especial entre as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, pois a súa poesía ou prosa reflexiva son base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.


".....Hoxe Rosalía
como canto universal que ergue a voz no nome dos oprimidos e que serve
como sinal-vieiro para estes comezaren a erguerse e botar a camiñar.
E así,
cun ollo posto no pobo que pedía cantar á meniña gaiteira, e o outro no porvir
da man da xustiza que depara o mañá, Rosalía, facho alentador, segue
marcando hoxe o ritmo dos nosos pasos."
               Antía Otero e Mario Regueira
    (leede o texto completo picando en  manifesto)  

26 feb 2012

ROSALÍA TEN 175 ANOS !


Biografía e obra clica aquí

    O pasado venres 24 de febreiro conmemórouse o 175 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, unha das figuras máis relevantes do Romanticismo.

     María Rosalía Rita de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela, nunha casa do Camiño Novo. Era filla de nai solteira, fidalga vida a menos, e dun cura, foi inscrita na súa acta de nacemento como filla de pais descoñecidos. Non se sabe moito dos seus primeiros anos salvo que pasou a  súa primeira infancia en Ortoño, cunha tía paterna, e aprendeu por entón o galego e numerosos relatos populares da súa terra. Parece que non viveu coa súa nai, influida polos prexuizos e as presións sociais da época, ata que Rosalía tiña  6 ou 7 anos. Empezou a escribir poesía cando contaba doce anos, e con doce ou trece anos trasladouse a Santiago en compañía da súa nai. Parece que a súa educación foi escasa  e a típica daquel entón para unha muller, destacando en debuxo, música e declamación.

      En 1854 mudouse a Madrid xunto a un tio avó, Xeneral do exército da Raiña Isabel II, e alí coñeceu aos grandes poetas románticos da época. Alí coñeceu tamén ao poeta, novelista e investigador Manuel Murguía, impulsor do movemento de defensa e fomento da cultura galega chamado Rexurdimiento. Rosalía publicou en 1857 o seu primeiro poemario, "A flor", e un ano despois casou con Murguía, con quen tivo sete fillos durante a súa vida en común. O seu marido confiou na súa capacidade e animouna a escribir e publicar nun tempo nada fácil para as mulleres. Mudáronse en diversas ocasións por motivos laborais e atravesaron malos momentos, tanto por problemas económicos, como pola fráxil saúde de Rosalía.
     Publicou varias obras en castelán e  "Cantares galegos" en 1863, una homenaxe á súa terra escrita integramente no noso idioma, que desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. Na obra  describe costumes, ambientes e a grave situación social no mundo rural. Ese mesmo ano escribiu "Á miña nai", unha serie de poemas inspirados pola morte daquela, e máis adiante outras dúas novelas: "Ruínas" (1866) e a historia fantástica "O cabaleiro das botas azuis" (1867).
          Cando o seu home foi elixido director do Arquivo de Simancas en Valladolid , mudouse toda a familia e alí Rosalía compuxo  gran parte da súa obra en galego. Publicou "Follas novas" en 1880, unha serie de poemas sobre a vida e a morte, a condición da muller e a soidade, que reflicte o espírito sensible e pesimista que o paso do tempo e as viravoltas da vida ía marcando na vida e o carácter de Rosalía.
       En 1871 a familia volveu trasladarse, esta vez de regreso ás súas orixes en Galicia, pasando por Torres de Lestrove, Dodro, Santiago de Compostela e Padrón. Das poucas cartas persoais que se conservan (Murguía queimou a maioría cando ela morreu) despréndese que nunca gozou de boa saúde.
      En 1884 publicou en castelán "A orillas del Sar", probablemente o seu mellor traballo, con temas nos que calquera pode sentirse reflectido. É unha colección de poemas sobrios e intimistas cheos de desalento, onde novamente trata os seus dous grandes temas, a dor da vida e o baleiro da soidade.
      Rosalía de Castro rematou a súa vida o 15 de xullo de 1885 no seu fogar de Padrón. Os seus restos descansan hoxe no Panteón de Galegos Ilustres do Convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.
   Aquí vos poño un par de videos que demostran a forza e o sentimento das letras de Rosalía:
       .un de María do Ceo cantando "Negra sombra"
     .e outro con imaxes montadas sobre a canción do cantautor berciano  Amancio Prada musicando o poema de Rosalía "Adios rios, adios fontes."..
    



7 feb 2012

"A VOLTAS COA CREATIVIDADE", POLO IES DE AMES

Estimados/as Mestres/as, Pais/Nais, Alumnos e Alumnas:

        Este  é o programa dunha serie de charlas moi interesantes que os profesores do  IES DE  AMES coordinan dentro do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria, sobre o tema "A VOLTAS COA CREATIVIDADE" e que se están a desenvolver  o longo deste curso 2011-2012.
      Tendo en conta sobre todo, que os alumnos e alumnas que agora están en 6º, pronto pasarán a ese Centro, aquí están as datas por si estades interesados en asistir, para "ir entrando en ambiente" e coñecelo de primeira man.

 "A VOLTAS COA CREATIVIDADE"


18/XAN Renata OTERO Todos/as podemos ser creativos/as... queres?
 25/XAN José A. BERRIOCHOA Cómo se fan matemáticas: Pascal e Turing
 01/FEB Suso FIDALGO Ciencia: causalidade e casualidade
 08/FEB Antonio VÁZQUEZ Consciencia e Física cuántica
 15/FEB Pilar TOBAR Creadores de mapas na Época dos Descubrimentos
 29/FEB Rosa M. FERREIRO Arquitectura popular versus arquitectura moderna
 14/MAR Lucinda SOUSA As forzas creativas da lingua inglesa
 11/ABR Federico BOUZA ¡Socorro: soy creativo!
 18/ABR Fernando SAINZ A creatividade do "Creador" na pintura
 25/ABR Anxo SAMPEDRO Entre o apolíneo e o dionisíaco
 09/MAI Sonia ROHRER Excéntricos y originales
 23/MAI Margarita OLIVAR Lecturas estimulantes
 OLIVAR, NEIRA, ... Creando sabores

       
As sesións son na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:30 h.

2 feb 2012

Os fantásticos libros voadores de Mr Morris Lessmore

     Desde a Biblioteca esta vez non imos falar dun libro, senón dunha película sobre os libros que nos axudan e que nos marcan a vida.  Queremos compartir con vos unha fermosa curta de animación  na que se conta a historia dun escritor, Mr Morris Lessmore

      A película  está inspirada no desastre que provocou o furacán Katrina cando asolagou Nova Orleans, no actor cómico de cine mudo Buster Keaton (os afeccionados ao cine e os máis maiores lembrarán que en España era coñecido como Pamplinas ou "cara de pao"), no Mago de Oz e, por suposto, no amor polos libros. É unha historia de persoas que dedican a súa vida aos libros... e os libros devolvenlle o favor.

      "Os fantásticos libros voadores de Mr Morris Lessmore" é unha das cinco curtas de animación candidatas aos Oscar de este ano. Usa diversas técnicas de animación: miniaturas, animación por ordenador e animación 2D e ten un aquel das antigas películas mudas e dos vellos musicais. E, en apenas 15 minutos, sen necesidade de falar e coa sóa forza das imaxes e da música, consigue transmitir toda a emoción e o amor polos libros.
Disfrutade!
  




      Se queredes saber como se fixo a película, aquí vos poño o enlace coa páxina oficial , ten o making of e  entrevistas co director William Joyce, un ex-directivo de Pixar que traballou en Toy story , Bichos e Robots...
 
picade aquí se queredes saber máis sobre a película