29 may 2011

Un soño na bandexa

           Os máis pequenos do cole, repartidos en dous grupos, recibimos esta semana, na Biblioteca, a visita da escritora Mariné Lorenzo Corcoba e do ilustrador  Jorge Vázquez que nos viñeron a contar o seu libro "Un soño na bandexa"  pertencente á colección Tartaruga editado por Galaxia. Na clase estábamos a traballar nesta historia dunha rapaza soñadora e dun amable camareiro e da importacia das cousas que non se poden mercar con cartos.      
*Mariné Lorenzo*
             Na sesión de contacontos, Mariné narroulles a historia da nena e Jorge dibuxaba. Un soño na bandexa é un fermoso soño. Cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós...  Despois pediron voluntarios e Jorge axudoulles a realizar os trazos máis representativos do camareiro.
Jorge Vázquez
          Para os nenos resulta bastante dificil decatarse do valor de determinadas cousas porque, afortunadamente, téñenas. En principio o que eles máis desexan son cousas materiais: roupa, contos, xoguetes etc... Na clase, despois de varias sesións e de falar moito, pasamos a expresar outro tipo de desexos máis relacionados coa maxia: fadas, varitas máxicas, castelos de conto e, non sei porque, moitos unicornios... Máis tarde pasamos a expresar desexos doutro tipo: unha fonte que non se seque nunca , unha neveira sempre chea de comida, unha casa que non se rompa nunca pase o que pase etc... Poden parecer desexos relacionados coa maxia, pero en realidade expresan a súa necesidade de seguridade e de estabilidade...        
        

          A capacidade para decatarse do valor das cousas verdadeiramente importantes na vida vaise desenvolvendo coa idade e vai marcando a  aparición da madurez emocional. Por outra banda non queremos deixar de lado a visión máxica do mundo que nos rodea, a capacidade de sorpresa e a de emocionarnos cos descubrimentos que imos facendo, porque iso é o que, xa adultos, nos seguirá conectando cos paraisos perdidos  da infancia... 
        
         Nesta presentación podemos ver como se desenvolveu a sesión de contacontos. 

        Cando rematou a sesión Mariné e Jorge asinaron e adicaronlle o seu libro aos nenos que o tiñan e fixeron alguns dibuxos.

     Mariné contounos moi emocionada o exito desta aventura  ¡xa van pola segunda edición! e tamén  dixo que pronto se vai presentar o libro na "Asociación de persoas xordas" de Vigo cunha representación .

        Ademáis este é un libro especial, tanto pola sua orixe , como por que os beneficios dos dereitos de autor da súa venda están destinados á  Asociación contra o cancro.

26 may 2011

Festa da intercultura

Festival da Intercultura

       Ao longo destas últimas semanas, os nenos de primaria,  coa colaboración de profesores e pais, estiveron a traballar sobre a INTERCULTURALIDADE.

"Por enriba de tódalas fronteiras,
Por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son iguais,
coma irmáu che falo"
“Irmaus” en “Longa noite de pedra”
 
Celso   Emilio   Ferreiro


       Todos os días, na Biblioteca e durante o recreo, están a facerse lecturas de contos de outros paises por parte dos nenos.
       Na entrada do edificio de primaria  a mán dereita está instalada a exposición FOTOGRÁFICA "A MIRADA DE ÁFRICA"   de Manuel González Vicente

       Polos diferentes corredores e espazos do colexio, estiveronse montando exposicións sobre:

  • MARRUECOS  (no ximnasio)
  • INGLATERRA (aula de Inglés de primaria) 1ª planta
  • SUÍZA (sala de usos múltiples 2º D) 1ª planta
  • CUBA (aula de Música) 2ª planta
  • PARAGUAY (aula de informática II) 2ª planta
  • MÉXICO (aulas de atención educativa I e II) 2ª planta
  • Tamén se instalou outro sobre GALICIA  (na Sala de Profesores) 2ª planta

Todos estos stands  podedes visitalos
 este venres 27 desde as  9:15  ata  as  12:30

O festival da intercultura para pais e nais
 será a primeira hora, de  9:15  ata  as  10:30

 De 12:30 a  13:15 haberá merenda 
cos postres típicos dos distintos países no patio cuberto

De 13:15 a 14:00  os alumnos e alumnas rematarán
 cunha muiñeira colectiva  e cantando o himno galego

22 may 2011

VISITA DE MARINÉ LORENZO CORCOBA E JORGE VÁZQUEZ

"UN  SOÑO  NA  BANDEXA"

O outro día recibimos unha carta no correo da clase dos pequenos. Mandouna a escritora Mariné Lorenzo Corcoba. Ela e o ilustrador Jorge Vázquez van a facerlle unha visita aos nenos e nenas de Infantil para falar do seu conto "Un soño na bandexa"...  do que vos adxunto unha crítica que recollín en internet: "... hai uns meses saía na colección Tartaruga da editorial Galaxia e esgotouse en nada toda a primeira edición. A súa autora cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós. Unha fermosa viaxe lírica, visualmente moi poderosa que engaiola a pequechos e grandes”
Mariné (Mª das Neves) Lorenzo Corcoba está vinculada á integración social de nen@s con problemas sociais e persoais, en Pontevedra. As súas circunstancias persoais levárona a escribir os contos que creou para a súa filla maior.
 "Un soño na bandexa" trata das cousas que nos fán felices, das  que nin se poden mercar nin vender e de como apreciar as  que son verdadeiramente importantes ... Os pequenos estan pintando á rapaza do conto e están intentando averiguar cales  son as cousas "verdadeiramente importantes" para nós. Para os pequenos trátase dunha tarefa bastante complicada.

        Este foi o correo que recibimos :


OLA PEQUES !!!
Son Mariné, que ganas de coñecervos !!!
Vivo nunha casa de Poio, Pontevedra
gústame a cheminea no inverno e os bocadillos de chocolate,
nadar na auga do mar e pasear pola orilla
tamén me gustan os segredos e as pedras do rio,
e teño dous cans que son os que mandan.
Gústanme tamén as bruxas do conto, e o rato Pérez paséase pola miña casa algunha vez.
Outra das cousas que me encantan é coñecer aos nenos e contarlles o meu conto.
Estamos a desexando ir contarvos o conto... Esperádesnos ?
Pedirémoslle ao camareiro do conto que nos ensine o camiño
UN BICO A TODOS
!!! o mércores dia  25 estaremos chamando a vosa porta...

                  Mariné



     Os dereitos de autora orixinados pola venda deste libro están destinados á Asociación Contra o Cancro. Si estades interesados en mercalo, está á venda nas librerías e a autora pódello adicar aos nenos que o traian.