22 dic 2019

Guía de lecturas de Nadal

https://issuu.com/biblioamaia/docs/guia_nadal_2019


     Guía de lecturas de Nadal recomendadas polos equipos da Rede de Bibliotecas Escolares dos centros públicos do Concello de Ames para os alumnos de Infantil, primaria, ESO e Bacharelato.

23 nov 2019

A lectura de imaxes: Bicentenario do Museo do Prado

 
 Hoxe imos compartir con vos outro xeito de lectura: a lectura de imaxes. A pintura, desde que o ser humano existe, ten intención comunicativa, desde a arte rupestre das covas ata as imaxes en movemento do cine...  Os cadros eran un xeito de informar, disfrutar, comunicar e educar a un pobo que na súa maioría non sabía ler.

 Fai 200 anos o 19 de novembro de 1819  o Museo Nacional do Prado, abriu ao público  con 311 pinturas da Colección Real, todas de autores españois, colgadas nos seus muros. Estas eran obras realizadas en principio para que as disfrutasen en privado só os reis e nobles da corte e que así coa creación deste  Museo se compartiron co pobo.

 Este é un video  producido por El País Semanal no que para conmemorar o Bicentenario do Museo do Prado, Rino Stefano Tagliafierro e os seus colaboradores realizaron un relato animando unha trintena de cadros da pinacoteca. Fixádevos nos pequenos detalles que dan vida ás obras...


11 nov 2019

Amadriñamentoslectores na hora de ler

   Nunha actividade proposta polo Equipo de Dinamización, que está relacionada co voluntariado e os colaboradores da Biblioteca, os alumnos de 6º de primaria fixeron os amadriñamentos lectores cos pequenos de infantil

  Aquí están cos nenos de 3, 4 e 5 anos, que participaron encantados durante a hora de ler.

AMADRIÑANDO AOS DE 3 ANOS


 AMADRIÑANDO AOS DE 4  ANOS

 
AMADRIÑANDO AOS DE 5 ANOS

 

3 nov 2019

Lecturas de medo polo Samaín

  O Equipo de Dinamización da Biblioteca participou na exposición do Samaín con esta escolla de libros de medo que temos no fondo.



E vós, tédeslle medo aos libros?  




 

Presentación aos nenos de primeiro

  Unha das actividades previstas cada ano polo Equipo é a presentación da Biblioteca para os novos usuarios de primeiro. Nesta ocasión  fixémola coincidir máis cerca do día das Bibliotecas Escolares.

Leodoro, a nosa mascota, encargouse da visita aos nenos de primeiro para convidalos e explicarlles as normas de uso, que este curso cambian un pouco por culpa da mudanza.  
 
 
 

26 oct 2019

Biblioteca da casa: 24 de outubro

  Estas son as fotos cos libros favoritos da casa que os alumnos de infantil e primaria escolleron para participar nesta actividade proposta polo Equipo de Dinamización. Sacáronse na Biblioteca, nas aulas, no recanto externo do 2º andar...

  Moitas grazas a todos: aos alumnos e familias por escoller e traer os libros, aos profesores  que sacaron as fotos así como aos que as editaron e imprimiron e aos que montaron a exposición nas entradas dos dous edificios.


fotos dos libros favoritos dos alumnos de infantil

fotos dos libros favoritos dos alumnos de primaria

25 oct 2019

BIBLIOTECA DA CASA


   Con motivo do DÍA  DAS  BIBLIOTECAS  ESCOLARES, que se celebrou onte 24 de outubro, o Equipo da nosa propuxémoslle a todo o colexio unha actividade "ao revés": mostrar os nosos libros favoritos... pero os que temos na casa. Co tema BIBLIOTECA  DA CASA  ao longo destes días trouxeron os libros e sacáronse fotos con eles en distintos recantos do colexio. Despois montouse a exposición nas entradas tanto no edificio de infantil como en primaria. 

 

 


 


16 oct 2019

Exposición do Día das Escritoras

  O 14 de outubro celébrouse o Día das Escritoras unha iniciativa  da Biblioteca Nacional, (entre outras institucións) que naceu coa intención de difundir o legado cultural das escritoras hispanas e hispanoamericanas, recordar as dificultades ás que se enfrontaron e destacar o valor das súas obras. 

 O Equipo de Dinamización da Biblioteca fixo unha pequena selección que se colocou no espazo habilitado no primeiro andar.




15 oct 2019

Día das escritoras

  O 14 de outubro celébrase o Día das Escritoras unha iniciativa da Biblioteca Nacional, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas (CyM) coa intención de difundir o legado cultural das escritoras hispanas e hispanoamericanas, recordar as dificultades ás que se enfrontaron e destacar o valor das súas obras. 
 Propoñémosvos darlle unha ollada aos títulos de escritoras que poidades ter pola casa, nas Bibliotecas próximas e na nosa mesma Biblioteca... a ver que atopades! 


Na rede podedes atopar moitas listas, por exemplo esta de escritoras galegas... que está a medrar: 

Rosalía de Castro, Concepción Arenal y Emilia Pardo Bazán- María Victoria Moreno- An Alfaya · Ana Romaní · Andrea Maceiras · Antía Otero · Ánxela Gracián · Arantza Portabales · Aurora Marco · Begoña Caamaño · Begoña García-Alén · Berta Dávila · Dolores Vilavedra · Dores Tembras · Eli Ríos · Emma Pedreira · Emma Ríos · Estibaliz Espinosa · Eva Moreda ·Exeria - Felicia Estevez Salazar · Filomena Dato · Fina Casalderrey · Helena Villar Janeiro · Inma Lopez Silva · Iolanda Zuñiga · Ledicia Costas · Luisa Villalta · Luz Pozo · Margarita Ledo · Maria Canosa · Maria do Cebreiro · María Mariño- Maria Reimondez · Maria Yañez Anllo · Marica Campo · Marta Dacosta · Mercedes Queixas · Rexina Vega · Rosa Aneiros · Rosario Alvarez · Rosalia Fernandez Rial · Teresa Moure · Úrsula Heinze · Xohana Torres · Xulia Pisón · Xulia Vicente · Yolanda Castaño etc ....

 Outra posible lista é esta  de 60 escritoras-españolas, desde a idade media...
 
 
E VÓS, A QUEN TEDES NAS VOSAS BIBLIOTECAS ???

CAL É A VOSA LISTA???

12 oct 2019

Un chisco de historia: 1923 nace o seminario de estudos galegos

   Andando pola rede Leodoro atopa cousas moi interesantes como a que se conmemora no día de hoxe. Seguramente tedes pasado por diante desta pedra conmemorativa situada en Ortoño no lugar do Castro...  Nela conmemórase o nacemento do Seminario de Estudios Galegos fai 86 anos tal día coma hoxe.


  Nun  blog moi interesante que recolle a Historia Local de Ortoño e a Maía podedes ler a historia detrás da pedra:

"....o día da Virxe do Pilar de 1923, un grupo de alumnos e profesores da Universidade de Santiago, movidos polo interese do estudio da cultura galega en tódolos seus eidos, xuntáronse no lugar de O Castro, na nosa parroquia de Ortoño, para fundaren unha institución que se dedicase á investigación e difusión da lingua e cultura galegas. Nacía así o Seminario de Estudios Galegos LER MÁIS +

29 sept 2019

Carta de Leodoro

   En tódalas clases recibimos esta carta de Leodoro, a nosa mascota, convidándonos a visitar a Biblioteca provisional. Convite que facemos extensivo para visitarnos polas tardes. Esperámosvos para que veñades a ler, soñar, consultar e investigar... nos nosos libros.



26 sept 2019

Presentación do libro "Ben va al cole"


   Dru Parbel, escritora de poesía, novela e conto,  e nai de Arón, un alumno de 6ºC de infantil do noso colexio, vai presentar este sábado 28 de setembro ás 12 h na Biblioteca municipal de Bertamiráns o seu último libro "Ben va al cole". Conta coas ilustracións de Makoke Torralba Mallo.
 O conto trata de mostarlles aos máis pequenos o xeito de recoñecer e actuar fronte ao acoso escolar. O máis básico para que saiban reaccionar  ante o "bulling", que por desgraza se dá desde preescolar.

21 sept 2019

Nova Biblioteca

  Na anterior entrada demos conta do peche e traslado "provisional" da nosa Biblioteca que pasou a ser usada como comedor mentras non se fai o novo.
   Foi un pouco duro para o Equipo desmontar e recoller todo o que alí fomos poñendo durante tantos anos ata conseguir unha Biblioteca da que estábamos orgullosos. Aínda que o corazón da Biblioteca segue sendo o mesmo, fisicamente non foi posible trasladar todo porque non colle na nova ubicación así que, en canto a fondos e usos, temos que adaptarnos ao que hai...

   Contaremos de novo co alumnado colaborador dos cursos altos. E seguiremos propoñendo actividades e fomentando o gusto pola lectura!.  Unha Biblioteca escolar non só é un espazo físico, son os libros e os seus lectores!.

 
 

 "Siempre imaginé que el paraíso sería una especie de biblioteca." (Jorge Luis Borges, escritor )

 




26 jun 2019

Traslado provisional da Biblioteca


 Esta semana comezamos a mudanza-traslado dunha parte dos fondos da Biblioteca Agustín Fernández Paz do Ceip A Maía a outras ubicacións  no Centro. Imos ceder o espazo de alimentar a mente para alimentar o corpo. É un TRASLADO PROVISIONAL  mentras se levan a cabo as obras do novo comedor e durante un tempo estaremos un chisco apretados pero intentando seguir funcionando coma sempre...

 E cando rematen as obras  VOLVEREMOS!


Guia de lectura de verán

   Guía de lecturas para o verán  recomendadas para todalas idades elaborada polos Equipos das Bibliotecas Escolares do concello de Ames.
premer na imaxe para abrir a guía
 

14 jun 2019

Terceira achega de BiblioContorna: Boletín das Bibliotecas Escolares de Ames

  Por terceiro ano consecutivo, as bibliotecas dos centros escolares da contorna de Ames presentamos o noso boletín anual. Dá igual a idade, dá igual o centro, dá igual o lugar: traballamos coa cultura, coa  palabra,  coa  imaxe,  traballamos  cos  libros.
   Facémolo  porque  sabemos  que  son  fonte  de sabedoría e de alegría. E facémolo en común porque non estamos solos.


(Premer na imaxe da portada e despois abrídea en fullscren ou pantaia completa para facilitar a súa lectura) 
https://issuu.com/biblioamaia/docs/bibliocontorna_3.pub
PREMER NA IMAXE PARA ABRIR O BOLETÍN