O 4º luns de cada mes de outubro, desde o ano 1997 celébrase o Día das Bibliotecas. Organizado pola Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil e co apoyo do Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia. Outubro é tamén o mes das Bibliotecas escolares.
Con esta iniciativa tratase de fomentar na xente a importancia das Bibliotecas coma LUGARES DE ENCONTRO COA CULTURA para os lectores de todalas idades e tamén como FERRAMENTAS DE FORMACIÓN e ESPAZOS PARA A CONVIVENCIA. Só con ver estas palabras escollidas: cultura, formación, convivencia, xa nos temos que decatar da importancia das Bibliotecas.
As Bibliotecas máis fermosas do mundo (clic) |
Hay grandes bibliotecas, Bibliotecas antigas, fermosas, con edificios maravillosos, cheas de recursos, Bibliotecas mundiais, Bibliotecas que nos impresionan pola cantidade dos seus fondos ou polo seu tamaño, e hai bibliotecas pequenas, hainas ambulantes, e tamén hai pequenos tesouros agochados que temos a carón e que as veces, por cercanos , pasan desapercibidos...
Lembro agora unhas páxinas que me emocionaron, son do libro "O nome da rosa" de Umberto Eco. Nelas o protagonista víase inmerso nunha trama que pasaba pola Biblioteca monacal e durante o incendio que abrasaba os libros maravillosos que o rodeaban, choraba porque non era quen de salvalos a todos... Con esas páxinas, sintes a emoción que sinte o protagonista cando pasa a mán polos libros, e choras coma el a perda irreparable de cada pequeno tesouro queimado ... E tamén choras, polos libros perdidos, os esquecidos, os que xa ninguén saca dos seus andeis, os pasados de moda, os que leeron os nosos pais e avós e nos contaron, os libros que nos fixeron como somos e nos construiron coma persoas...
As Bibliotecas escolares, como a nosa, non somos enormes, nin antigas, os nosos fondos ás veces son limitados, os recursos escasos e o tempo para facelas funcionar sae moitas veces do tempo libre dos que as poñen a andar... En moitos colexios son incluso ambulantes: andan polos corredores ou por aulas que van quedando valeiras, nos colexios de infantil, cando se construen, nin sequera teñen previsto un espazo pra elas (acaso os pequenos non leen, non aman os libros?...). "Son un neno de infantil... acaso non teño ollos?, non teño máns, sentidos, afectos, pasións... é que non estou nutrido polos mesmos alimentos, ferido polas mesmas armas, quentado e enfriado polos mesmos veráns e invernos que os nenos de primaria?". E que ao amigo Leodoro tamén lle gusta Shakespeare (O mercader de Venecia)
As Bibliotecas escolares, como a nosa, son unha peza fundamental nos Centros. Pretendemos abrir unha ventá ao mundo, fomentar a lectura, desenvolver actividades que integren a todo o Centro, e crear usuarios entre outras moitas cousas.... (Usuarios é, por certo, un término que utilizamos nas bibliotecas: usuarios, formación de usuarios... aínda que, para mín, é unha palabra que implica uso, o que significa que tamén pode implicar desuso, desgaste, abandono ... e os libros non son para ser usados, senón para ser amados..., que é o que pretendemos que fagan os nenos e as nenas que nos visitan).
Hai tres anos, Agustín Fernández Paz fixo en Santiago un pregón para o día das Bibliotecas “Onde hai unha biblioteca hai unha luz”. Cando lle puxemos o seu nome á nosa Biblioteca, foi tan amable de agasallarnos cunha fermosa frase que está escrita ao longo da parede do colexio .(Picade aquí).
Non encontro mellores palabras que as súas para falar das Bibliotecas:
"Onde hai unha Biblioteca hai unha luz"
Agustín Fernández Paz
“Abre as portas e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca. Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo quedaría baleiro no noso corazón. Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas. Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados”.
E, para rematar, estos dous videos amosan dúas maravillosas Bibliotecas, algo diferentes ao que estamos acostumados, non deixedes de velas porque elas son verdadeiros faros de imaxinación, forza de vontade e sobre todo, amor polos libros...
Proyecto Bubisher www.bubisher.com from El Bubisher on Vimeo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario