28 jun 2011

        En recoñecemento á súa colaboración , esforzo e dedicación entregáronse uns premios entre todos os alumnos e alumnas de 5º e de 6º de primaria do Ceip "A Maía" que, renunciando ao seu tempo de lecer, colaboraron durante os recreos como axudantes da Biblioteca.


*Axudantes da Biblioteca*(picade aquí para velos) 
 Moitas grazas  a todos e a todas!

27 jun 2011

Visita de Xaime Asensi


 O pasado día 4 de xuño visitounos o diseñador gráfico maquetador, pintor e ilustrador e *Xaime Asensi* que ademáis é pai dun alumno de 4º de Primaria do Centro. Agasallounos cuns libros ilustrados por el e deixounos un dibuxo feito especialmente para o noso alumnado.

       
 Colaborou no fancine electrónico "Amigos do cómic", na revista Golfiño, na banda diseñada cómica "Zapa a píntega" e ilustrou o álbum "Ubu Rei". Asimesmo colabora facendo fai tiras cómicas na web de http://galiciagastronomica.galiciae.com/ e traballa en editoriais como Xerais, Ir Indo, Edicións do Castro, Planeta Oxford, Universidade de santiago, Nigratea etc...
       
     Aquí podedes ver como transcurreu a sesión cos rapaces de 4º.

12 jun 2011

     Acabamos de saber polos compañeiros da *Biblioteca  do Ceip de Pazos* na comarca da Ferrolterra, a triste nova do  pasamento do escritor *JUAN FARIAS*


Juan Farias naceu en Serantes, Ferrol no ano 1935 e imos a permitirnos usar as súas propias palabras para definilo:

 "Son galego, nacido, criado e recriado en Galicia. Escritor con posibilidades, ex-mariñeiro, ex-estudante. Uns opinan que son triste, huraño e tímido. Outros opinan que son alegre, desenfadado e optimista. Normalmente atópome feo, todo depende do espello e do meu estado de ánimo. Sei o que quero. Conseguireino se non estiro a pata antes de tempo. Gústame viaxar e viaxei tanto como me veu en gana. Algunhas cousas das que ocorren ao meu redor repélenme, outras  atraenme e outras deixanme indiferente. Rebéntanme os ficheiros metálicos, as gaiolas, os bloques de vivendas con máis de trescentos veciños e a pesca con carburo. Opino que o refraneiro é definitivo cando di que en todas partes cocen fabas. Consólame a certeza de que cada libro é independente dos demais e de que non estou obrigado a ser fiel a determinado tipo de lectores se ao día seguinte descubro que estes lectores e eu estabamos equivocándonos. Ocórreme, creo, o que a moita xente, que unhas veces atópome novo e outras vello. Como escritor espero facer cousas porque se non, non escribiría, isto é elemental...  («Autorretrato», nos buscadores de auga)
--------------------------------------------------------------------------
Desde o noso blog expresamos o noso sentimento á familia e achegados a Xoan Farias.
Recordamos tamén que, así como as persoas viven no recordo dos que os quixemos, un autor  vive para sempre nas páxinas que deixou escritas trás de sí ... 
-------------------------------------------------------------------------
     Ao longo da súa vida foi autor de obras para adultos entre 1959 e 1975 e para nenos desde 1977

para adultos escribeu entre outras:
  • Os nenos numerados
  • A gritos, Gilbert, furiosamente
  • Gran cabotaxe 
  • Os buscadores da auga
e *moitas para nenos* :
  • "Algúns nenos, tres cans e máis cousas" obra pola que gañou en 1980 o * Premio Nacional de literatura infantil y juvenil.*
  • Crónicas de media tarde
  • O neno que veu co vento
  • Por terras de pan levar
  • Á sombra do maestro
  • Cuarenta nenos e un can
  • Os camiños da lúa  
  • O paso dos días
  • O corazón da mazá






Os nenos numerados:  
"Os nenos numerados recolle a conmovedora historia dun fato de rapaces internados nos anos sesenta no reformatorio coruñés de Palavea. Pés Planos, oprotagonista rouba unhas botas na zapatería de don Manuel e encérrano no reformatorio, un edificio rodeado por un muro de cristais cravados no cemento que brillan co sol da tarde.  A fame, o frío, os celadores, a loita diaria pola supervivencia nun ambiente hostil empuxan ós rapaces a tentar fuxir, pero moi poucos se atreven e case ningún o consegue. É unha novela sobre a dura adolescencia dos máis desgraciados rapazotes galegos de hai trinta anos"

"Alguns nenos, 3 cans e máis cousas"

    Así comeza este libro: "Fai moitos, moitos, moitos anos, na antiga China, nunha cidade de papel e barro, branca de caolín, entre plantas de arroz e té, un neno igual que todos os nenos, voaba o seu cometa..."

5 jun 2011

Día Mundial do Medioambiente

      Día Mundial do Medioambiente celébrase o 5 de xuño e foi instituido polas Nacións Unidas para fomentar a sensibilización mundial do medio ambiente e para promover o coidado do noso planeta, a Terra. As Nacións Unidas son unha organización internacional que promove a paz mundial, a seguridade, a cooperación e o entendemento.
      Os obxectivos deste día "son darlle contido aos temas ambientais, motivar que as persoas se convirtan en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo, promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara a temas ambientais  e fomentar a cooperación, a cal garantirá que todas as as nacións e persoas gocen dun futuro máis prospero" ... etc, etc, etc 
 palabras,
                                          palabras , 
                                                                                   palabras...
quedan moi ben nos papeis oficiais, na prensa, nos libros, nos discursos...
pero somos cada un de nós e  día a día, os que as temos que encher de contido...
para convertilas en feitos...
En 1854 o xefe  Seattle, da tribu dos sioux, envioulle ao presidente dos Estados Unidos unha carta que se convirteu nun referente de moitos discursos ecoloxistas, aquí vos vai un video que recolle o pensamento dun home que se chamaba "salvaxe" a si mesmo...


*discurso do xefe Seattle*
En 1992  Severn Suzuki, unha nena canadiense de 12 anos, fixo calar a moitos políticos con un discurso na Cumbre do Medioambiente da ONU en Rio de Janeiro 

*discurso de Severn Suzuki*

Este é un corto sobre a relación entre os seres humanos e as árbores feito por Yann Arthus Bertrand
*De bosques y hombres*

     E, do mesmo autor, a impresionante película HOME ( o seu director dí que estamos vivindo un periodo crucial. Os científicos dín que só temos 10 anos para cambiar os nosos modos de vida , evitar  agotar os recursos naturais e impedir unha evolución catastrófica do clima da Tierra e para que tomemos conciencia de todo isto e actuemos fixo esta película).
*HOME*

A ancián sioux dixo en 1854: "somos parte da Terra e ela é parte de nós " 

E NÓS, QUÉ PODEMOS FACER?
PENSA GLOBALMENTE,  ACTÚA LOCALMENTE
Non temos que empezar directamente  polas selvas do Amazonas,
 podemos empezar polo que vemos cando saímos pola porta...
XUNTOS PODEMOS


Fagamos que mañan, nós  os homes e mulleres " civilizados", non teñamos que preguntarnos  coma él:
  ónde están as árbores?, desapareceron.
ónde está a aguia?, desapareceu.
A rapaza canadiense dixolles aos políticos da ONU: "si non sabedes reparar a natureza ¡non a estraguedes!

2 jun 2011

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. *Os numerosos e constantes premios anuais* de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.
Colectivo  dos   equipos  das  bibliotecas  escolares   integradas  no  PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

29 may 2011

Un soño na bandexa

           Os máis pequenos do cole, repartidos en dous grupos, recibimos esta semana, na Biblioteca, a visita da escritora Mariné Lorenzo Corcoba e do ilustrador  Jorge Vázquez que nos viñeron a contar o seu libro "Un soño na bandexa"  pertencente á colección Tartaruga editado por Galaxia. Na clase estábamos a traballar nesta historia dunha rapaza soñadora e dun amable camareiro e da importacia das cousas que non se poden mercar con cartos.      
*Mariné Lorenzo*
             Na sesión de contacontos, Mariné narroulles a historia da nena e Jorge dibuxaba. Un soño na bandexa é un fermoso soño. Cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós...  Despois pediron voluntarios e Jorge axudoulles a realizar os trazos máis representativos do camareiro.
Jorge Vázquez
          Para os nenos resulta bastante dificil decatarse do valor de determinadas cousas porque, afortunadamente, téñenas. En principio o que eles máis desexan son cousas materiais: roupa, contos, xoguetes etc... Na clase, despois de varias sesións e de falar moito, pasamos a expresar outro tipo de desexos máis relacionados coa maxia: fadas, varitas máxicas, castelos de conto e, non sei porque, moitos unicornios... Máis tarde pasamos a expresar desexos doutro tipo: unha fonte que non se seque nunca , unha neveira sempre chea de comida, unha casa que non se rompa nunca pase o que pase etc... Poden parecer desexos relacionados coa maxia, pero en realidade expresan a súa necesidade de seguridade e de estabilidade...        
        

          A capacidade para decatarse do valor das cousas verdadeiramente importantes na vida vaise desenvolvendo coa idade e vai marcando a  aparición da madurez emocional. Por outra banda non queremos deixar de lado a visión máxica do mundo que nos rodea, a capacidade de sorpresa e a de emocionarnos cos descubrimentos que imos facendo, porque iso é o que, xa adultos, nos seguirá conectando cos paraisos perdidos  da infancia... 
        
         Nesta presentación podemos ver como se desenvolveu a sesión de contacontos. 

        Cando rematou a sesión Mariné e Jorge asinaron e adicaronlle o seu libro aos nenos que o tiñan e fixeron alguns dibuxos.

     Mariné contounos moi emocionada o exito desta aventura  ¡xa van pola segunda edición! e tamén  dixo que pronto se vai presentar o libro na "Asociación de persoas xordas" de Vigo cunha representación .

        Ademáis este é un libro especial, tanto pola sua orixe , como por que os beneficios dos dereitos de autor da súa venda están destinados á  Asociación contra o cancro.

26 may 2011

Festa da intercultura

Festival da Intercultura

       Ao longo destas últimas semanas, os nenos de primaria,  coa colaboración de profesores e pais, estiveron a traballar sobre a INTERCULTURALIDADE.

"Por enriba de tódalas fronteiras,
Por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son iguais,
coma irmáu che falo"
“Irmaus” en “Longa noite de pedra”
 
Celso   Emilio   Ferreiro


       Todos os días, na Biblioteca e durante o recreo, están a facerse lecturas de contos de outros paises por parte dos nenos.
       Na entrada do edificio de primaria  a mán dereita está instalada a exposición FOTOGRÁFICA "A MIRADA DE ÁFRICA"   de Manuel González Vicente

       Polos diferentes corredores e espazos do colexio, estiveronse montando exposicións sobre:

  • MARRUECOS  (no ximnasio)
  • INGLATERRA (aula de Inglés de primaria) 1ª planta
  • SUÍZA (sala de usos múltiples 2º D) 1ª planta
  • CUBA (aula de Música) 2ª planta
  • PARAGUAY (aula de informática II) 2ª planta
  • MÉXICO (aulas de atención educativa I e II) 2ª planta
  • Tamén se instalou outro sobre GALICIA  (na Sala de Profesores) 2ª planta

Todos estos stands  podedes visitalos
 este venres 27 desde as  9:15  ata  as  12:30

O festival da intercultura para pais e nais
 será a primeira hora, de  9:15  ata  as  10:30

 De 12:30 a  13:15 haberá merenda 
cos postres típicos dos distintos países no patio cuberto

De 13:15 a 14:00  os alumnos e alumnas rematarán
 cunha muiñeira colectiva  e cantando o himno galego

22 may 2011

VISITA DE MARINÉ LORENZO CORCOBA E JORGE VÁZQUEZ

"UN  SOÑO  NA  BANDEXA"

O outro día recibimos unha carta no correo da clase dos pequenos. Mandouna a escritora Mariné Lorenzo Corcoba. Ela e o ilustrador Jorge Vázquez van a facerlle unha visita aos nenos e nenas de Infantil para falar do seu conto "Un soño na bandexa"...  do que vos adxunto unha crítica que recollín en internet: "... hai uns meses saía na colección Tartaruga da editorial Galaxia e esgotouse en nada toda a primeira edición. A súa autora cóntanos o que pasaría se un día se nos dese por pedir cousas moi especiais a un camareiro disposto a soñar con nós. Unha fermosa viaxe lírica, visualmente moi poderosa que engaiola a pequechos e grandes”
Mariné (Mª das Neves) Lorenzo Corcoba está vinculada á integración social de nen@s con problemas sociais e persoais, en Pontevedra. As súas circunstancias persoais levárona a escribir os contos que creou para a súa filla maior.
 "Un soño na bandexa" trata das cousas que nos fán felices, das  que nin se poden mercar nin vender e de como apreciar as  que son verdadeiramente importantes ... Os pequenos estan pintando á rapaza do conto e están intentando averiguar cales  son as cousas "verdadeiramente importantes" para nós. Para os pequenos trátase dunha tarefa bastante complicada.

        Este foi o correo que recibimos :


OLA PEQUES !!!
Son Mariné, que ganas de coñecervos !!!
Vivo nunha casa de Poio, Pontevedra
gústame a cheminea no inverno e os bocadillos de chocolate,
nadar na auga do mar e pasear pola orilla
tamén me gustan os segredos e as pedras do rio,
e teño dous cans que son os que mandan.
Gústanme tamén as bruxas do conto, e o rato Pérez paséase pola miña casa algunha vez.
Outra das cousas que me encantan é coñecer aos nenos e contarlles o meu conto.
Estamos a desexando ir contarvos o conto... Esperádesnos ?
Pedirémoslle ao camareiro do conto que nos ensine o camiño
UN BICO A TODOS
!!! o mércores dia  25 estaremos chamando a vosa porta...

                  Mariné



     Os dereitos de autora orixinados pola venda deste libro están destinados á Asociación Contra o Cancro. Si estades interesados en mercalo, está á venda nas librerías e a autora pódello adicar aos nenos que o traian.

30 abr 2011

XXX Feira do libro en Santiago

    Este sábado 30 de abril, deu comezo a  XXX Feira do Libro de Santiago, que se vai celebrar ao longo de toda esta semana ata o domingo 8 de maio nunha carpa con 16 casetas de diversas librerias, editoriais e a Biblioteca Pública de Santiago e que está instalada no Paseo Central da Alameda. Unha boa ocasión para sair dar unha volta cos rapaces pola Alameda cun libro baixo o brazo... ou varios. Para os máis pequenos...ou non tanto, recomendaríavos que vos achegarades as casetas da Librería Aenea  e da Editorial Kalandraka.