30 oct 2011

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

      O 4º luns de cada mes de outubro, desde o ano 1997 celébrase o Día das Bibliotecas. Organizado pola Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil  e co apoyo do Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia. Outubro é tamén o mes das Bibliotecas escolares.
     
      Con esta iniciativa tratase de fomentar na xente a importancia das Bibliotecas coma LUGARES DE ENCONTRO COA CULTURA para os lectores de todalas idades  e tamén como FERRAMENTAS DE FORMACIÓN  e ESPAZOS PARA A CONVIVENCIA. Só con ver estas palabras escollidas: cultura, formación, convivencia, xa nos temos que decatar da importancia das Bibliotecas. 
As Bibliotecas máis fermosas
 do mundo (clic)
 
        Hay grandes bibliotecas, Bibliotecas antigas, fermosas, con edificios maravillosos, cheas de recursos, Bibliotecas mundiais, Bibliotecas que nos impresionan pola cantidade dos seus fondos ou polo seu tamaño, e hai bibliotecas pequenas,  hainas ambulantes, e tamén hai pequenos tesouros agochados que temos a carón e que as veces, por cercanos , pasan desapercibidos...

        Lembro agora unhas  páxinas que me emocionaron, son  do  libro "O nome da rosa" de Umberto Eco. Nelas o protagonista víase inmerso nunha trama que pasaba pola Biblioteca monacal e durante o incendio que abrasaba os libros maravillosos que o rodeaban, choraba porque non era quen de salvalos a todos... Con esas páxinas, sintes a emoción que sinte o protagonista cando pasa a mán polos libros, e choras coma el a perda irreparable de cada pequeno tesouro queimado ... E tamén choras, polos libros perdidos, os esquecidos, os que xa ninguén saca dos seus andeis, os pasados de moda, os que leeron os nosos pais e avós e nos contaron, os libros que nos fixeron como somos e nos construiron coma persoas...

    As  Bibliotecas escolares, como a nosa, non somos enormes, nin antigas, os nosos fondos ás veces son limitados, os recursos escasos e o tempo para facelas funcionar sae moitas veces do tempo libre dos que as poñen a andar... En moitos colexios son incluso ambulantes: andan polos corredores ou por aulas que van quedando valeiras, nos colexios de infantil, cando se construen, nin sequera teñen previsto un espazo pra elas (acaso os pequenos non leen, non aman os libros?...). "Son un neno de infantil... acaso non teño ollos?, non teño máns, sentidos, afectos, pasións... é que non estou nutrido polos mesmos alimentos, ferido polas mesmas armas, quentado e enfriado polos mesmos veráns e invernos que os nenos de primaria?". E que ao amigo Leodoro tamén lle gusta Shakespeare (O mercader de Venecia) 
  
    As Bibliotecas escolares, como a nosa, son  unha peza fundamental nos Centros. Pretendemos abrir unha ventá ao mundo, fomentar a lectura, desenvolver actividades que integren a todo o Centro, e crear usuarios entre outras moitas cousas.... (Usuarios é, por certo, un término que utilizamos nas bibliotecas: usuarios, formación de usuarios... aínda que, para mín, é unha palabra que implica uso, o que significa que tamén pode implicar desuso, desgaste, abandono ... e os libros non son para ser usados, senón para ser amados..., que é o que pretendemos que fagan os nenos e as nenas que nos visitan).


       Hai tres anos,  Agustín Fernández Paz fixo en Santiago un pregón para o día das Bibliotecas “Onde hai unha biblioteca hai unha luz”. Cando lle puxemos o seu nome á nosa Biblioteca, foi tan amable de agasallarnos cunha fermosa frase que está escrita ao longo da parede do colexio .(Picade aquí). 

Non encontro mellores palabras que as súas para falar das Bibliotecas:

"Onde hai unha Biblioteca hai unha luz"
Agustín Fernández Paz

       Abre as portas e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca. Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.


          Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo quedaría baleiro no noso corazón. Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas. Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados”.


        E, para rematar, estos dous videos amosan dúas maravillosas Bibliotecas, algo diferentes ao que estamos acostumados, non deixedes de velas porque elas son verdadeiros faros de imaxinación, forza de vontade  e sobre todo, amor polos libros...    


                             

                                    
                                    Proyecto Bubisher www.bubisher.com from El Bubisher on Vimeo.

26 oct 2011

A MALETA DE LEODORO

A maleta de Leodoro
          Estos días o trasno Leodoro decideu, despois de consultalo cos profes do equipo da Biblioteca, que quería facer unha nova actividade cos pequenos de infantil que están no outro edificio.
        Como xa sabedes, os maiores de primaria están a participar nas MOCHILAS VIAXEIRAS, pero para os máis pequenos ocurreusenos que era máis doado unha MALETA DE VIAXE. 
        Así que Leodoro estivo recollendo contos e encheu unha maleta que ten, de cando vai polo mundo adiante  visitando outras Bibliotecas, ou acompañando aos profes cando asistimos a cursiños de formación, de animación á lectura  ou cando vai de visita á familia (lembrade que Derdrín o trasno de "No corazón do bosque", que escribeu Agustín Fernández Paz, seica é familia del...). 
             Bueno, pois mandoulles tamén unha carta  na que lles conta a idea.  Na maleta meteu libros máis sinxeliños para os de tres anos, e algúns máis longos para os maiores, tamén lles meteu algúns de investigación, contos musicados e tamén CDs.
          

         Trátase de que a leven polas nove aulas de infantil, que os teñan uns días en cada clase e logo que os pasen. Agora a maleta está na clase de 6º C, que son os de 5 anos, encantoulles e  están a disfrutar destes novos contos que lles mandou Leodoro.

  Foi toda unha sorpresa cando a abriron e viron que estaba chea de
 contos!
Remexeron nela como se buscasen no baúl dun tesouro!

Iremos engaíndo as fotos dos pequenos lectores cando a maleta vaia pasando polas demáis clases! 

23 oct 2011

Educando para a saúde


Exposición na Biblioteca

    Este curso o  Ceip A Maía escolleu como lema artellador das actividades que se van levar a cabo "UNHA META A ACADAR: SAÚDE E BENESTAR". Desde a Biblioteca fíxose unha escolla de libros relacionados cos aspectos fundamentais que abarca :
  • alimentación,
  • hixiene,
  • deporte 
  • tempo libre. 

Case nada!
En esta presentación podedes ver algúns dos libros escollidos e o motivo polo cal foron seleccionados e que están na Biblioteca á vosa disposición.
Esperámosvos!

23 sept 2011

Ola nenos/as!

Como estades? Espero que con  moitas ganas de vernos na biblioteca e de disfrutar e aprender dos libros que aquí temos.

Se é así, a partir do luns 26 de setembro podedes vir nos recreos a pasar un bo rato lendo, escoitando música,...etc.
Para facer uso dos ordenadores, televisores e reproductor de audio seguiremos as quendas que tedes nas vosas aulas.

Este curso, ademáis de libros,  podedes levar tamén  CD audios para escoitar música na casa.  Procurade coidalos moito e devolvelos no prazo indicado. Lembrade que tedes que deixar o material no mostrador das profesoras, non o coloquedes vós no seu sitio. Isto é moi importante para que saibamos que está devolto.

Sabedes que tedes que tomar a merenda antes de entrar e, unha vez dentro, gardar silencio, respectar as normas e obedecer ás profesoras ou aos nenos e nenas que axudan cada día.

                                Espero a vosa visita.

                                                                            Un saúdo
                                                                                                    LEODORO

14 sept 2011

Adeus

     É triste ter que lembrar nesta entrada a unha compañeira que se foi. Acabamos de enterarnos da triste nova do pasamento de Mª Dolores, MESTRA. Ela era a responsable da Biblioteca do IES Luis Seoane de Pontevedra e foi unha das impulsoras e organizadoras da actividade colaborativa  Salvando Libros  e de moitas outras intervencións.  Non a coñecíamos en persoa senon a través  das súas propostas, e sentimos a  perda, en palabras de quen a coñecía, " dunha  traballadora incansable e entusiasta, animadora, compañeira ... MESTRA". Lamentamos a súa ausencia tentando seguir o seu exemplo, recordando o seu entusiasmo. Desde estas liñas queremos expresar as nosas condolencias aos seus compañeiros e á súa familia. Lembremos que, aínda que ela non esté, sempre nos quedará o recordo do seu esforzo e a ilusión polo traballo dunha persoa que amaba os libros. Ninguén marcha de todo xa que permanece no recordo das persoas que a quixeron e que compartiron a súa vida.




"Todolos libros do mundo
non che dan a felicidade
... pero lévante en segredo 
cara ti mesmo.
Alí atopas todo o que precisas,
o sol , as estrelas  e a lúa
pois a luz que buscas 
vive en ti mesmo
e a sabedoría que buscaches
nas librerías
                   reloce en cada páxina ...
                                                   e agora ... é túa"
                                                    Herman Hesse



benvidos á busqueda do tesouro !

  
      Xa estamos aquí de novo, no comezo dun novo curso, que esperamos disfrutar xuntos. Estamos aquí rodeados dos libros que queremos, que nos gustan, que nos recordan os momentos que pasamos gozando dá súa lectura... Libros que nos achegan a eses amigos que levamos tempo sen ver e que, cando os atopamos de novo, fannos lembrar con agarimo os momentos pasados ao seu lado. Igual nos pasa cos bos libros, que son como amigos que nos falan, que nos contan as súas aventuras, boas ou malas, que nos fan pensar, que nos animan... 
          
        Desde as Bibliotecas escolares recomendamos libros: para gozar, para emocionarnos, e para progresar e mellorar... "Lemos para divertirnos, para pasar un intre, para coñecer o mundo, para coñecer outros mundos, para saber, para aprender, para compartir unha historia común, para non esquecer o pasado, para pensar, para aprender a pensar, para rir, para chorar, para refuxiarnos, para evadirnos, para imaxinar, para explorar, para pasalo ben, para soñar e, sobre todo, para facernos medrar como persoas..."
         En todo iso pensamos os mestres ao longo do curso e, os que  traballamos nos equipos das Bibliotecas escolares, esperamos poder levalo a cabo e transmitilo ao longo destes meses que temos por diante...
      Cando recomendamos un libro, transmitimos só una parte do misterio da lectura, pero atrás de eso queda a intriga da busca, a ledicia de atopar unas páxinas que che emocionan ou che devirten e que esperas poder compartir cos novos lectores… Ás veces a busqueda dun bo libro semella a busqueda dun tesouro e realmente eso é o que son os libros.
     Por iso na Biblioteca estamos coas portas abertas esperando que cada un atope o seu tesouro, e encha de diversión, coñecemento e imaxinación o seu propio cofre.

Benvidos todos e todas e comenzade a busqueda! 


   
   

12 jul 2011

vacacións

    Xa hai varios días que comenzaron as vacación de verán e aquí vai unha presentación que vos adica Leodoro, para que durante este tempo non esquezades os libros : 

  que nos fan rir,
    que nos intrigan,
      que nos fan soñar,
        que nos fan pensar,
          que nos emocionan,
           que nos fan imaxinar,
  

            que nos fan aprender,
              libros para compartilos,
               libros acumulados durante o ano,
                 libros fermosos, de medo, de risa, de soños...
que nos gustan tanto, que non queremos que rematen...

libros que contan a  nosa historia como pobo, a nosa identidade
libros que chegan ao corazón da xente e... cambian o mundo

En fin, libros que nos fan ser o que somos!
así que lede moito e vémonos en setembro!


4 jul 2011

Recreos Interculturais

    
       En consonancia co lema deste ano, escollido a principio de curso,  que foi "Creamos lazos, unimos esforzos", este trimestre levamos a cabo os:
 “Recreos Interculturais"
       Ao longo desta actividade nenos e nenas procedentes doutros países leron en voz alta, para os seus compañeiros e compañeiras, contos dos seus países de orixe.
      Os rapaces puxeron todo o seu empeño, esforzo e ganas de colaborar  e por iso  queremoslles  agradecer a súa participación a eles e aos alumnos e alumnas que estiveron de ointes. Así mesmo, tamén  queremos agradecerlles aos profesores e profesoras que adicaron o seu esforzo  para  preparar e levar a cabo esta actividade, prescindindo ambos, profes e alumnos, do seu tempo de recreo.
      Desde a Biblioteca pensamos que foi unha actividade moi positiva e satisfactoria para todos e repetimos o agradecemento para todos os que participaron nela.

28 jun 2011

        En recoñecemento á súa colaboración , esforzo e dedicación entregáronse uns premios entre todos os alumnos e alumnas de 5º e de 6º de primaria do Ceip "A Maía" que, renunciando ao seu tempo de lecer, colaboraron durante os recreos como axudantes da Biblioteca.


*Axudantes da Biblioteca*(picade aquí para velos) 
 Moitas grazas  a todos e a todas!